31

Mai

Presentación de “Observacións sobre o cultivo da vide na Galiza”

19.30 h

Observacións sobre o cultivo da vide na GalizaO venres 31 de maio, ás 19.30 h, presentaremos o libro Observacións sobre o cultivo da vide na Galiza, de Antonio Casares.

Coa reedición en galego deste libro, obra do  científico Antonio Casares (orixinal de 1843), a Asociación Cultural O Colado do Vento pretende achegar ao noso presente e na nosa lingua o valor científico e social fundamental desta publicación.

O presente libro é a primeira catalogación de vides da nosa comunidade, feita con criterios ampelográficos, chamando a atención o rigor das súas análises económicas e técnicas e a honestidade da explicación dos resultados. É esencial para coñecer a historia da nosa viticultura e do noso campesiñado.

A tradución do orixinal castelán é de Xesús Verao, profesor de Lingua Galega e viticultor. A obra incorpora un prólogo de María Luisa Losada, historiadora da ciencia, colaboradora do Grupo de Física No Lineal da USC. A edición correu a cargo da Libraría da Proencia e contou co apoio en forma de compras de distintos municipios da DO Ribeira Sacra, así como de asociacións e colectivos. 

Non sería posible a súa materialización sen Alfonso Campos, Javier Vivirido e José María Lago, socios do Colado do Vento.

Antonio Jacobo Casares Rodríguez, o autor deste libro, é considerado o pai da química galega. Foi decano da Facultade de Filosofía (1846), da Facultade de Farmacia (1857), o 1º decano da Facultade de Ciencias (1859), e no mesmo ano que terminou a carreira de Medicina, en 1872, foi nomeado reitor da USC.

A el débense os primeiros estudos en profundidade sobre as fontes de augas medicinais e os viños galegos. No ano 1847, sintetizou o cloroformo e o éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia no estado. El foi o que en 1851 acendeu no claustro da Facultade de Historia de Santiago a primeira luz eléctrica con arco voltaico que funcionou no estado español.

As persoas que nos acompañedes nesta presentación teredes ocasión de probar un viño das adegas Corga, un monovarietal de Brancellao (Albarello), da Pobra de Trives, na Ribeira Sacra e de cultivo ecolóxico.

Pero para solicitar a vosa asistencia, é imprescindible que nos enviedes os vosos datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies