17

Nov

Presentación do libro “¿Orden o República? Conflictividad social y política en A Coruña, 1931-1936”

19.30 h

Orden o repúblicaO mércores 17 de novembro, ás 19.30 h, presentaremos no noso local o libro ¿Orden o República? Conflictividad social y política en A Coruña, 1931-1936, de Eliseo Fernández e Emilio Grandío, editado por Catarata.

Este libro busca reconstruír a lóxica dos procesos e manifestacións da violencia política e social do período republicano. Estuda como as estratexias de acción política e propaganda dos diferentes actores da república provocaron un conflito múltiple e interrelacionado. Trata así de distanciarse do mito da república que tanto os seus defensores como os seus detractores construíron, analizando, a través dun importante traballo de arquivo, os diferentes acontecementos que tiveron lugar na provincia da Coruña, dentro do contexto estatal máis amplo. Eliseo Fernández e Emilio Grandío contextualizan a situación española nun momento histórico mundial complexo, marcado polo ascenso do fascismo en Alemaña, a revolución cubana, a Longa Marcha chinesa ou o crac do 29. Analizan as particularidades do caso español, e máis concretamente o coruñés, realizando unha panorámica da conflitividade no mundo laboral. Así, examinan asuntos como a radicalización anarcosindicalista, o forte republicanismo encarnado na figura de Santiago Casares Quiroga, a influencia da crise económica na conflitividade laboral, o manexo das forzas da orde pública por parte dos diferentes gobernos republicanos de esquerdas e dereitas, os seus cambios de actitude fronte ao Estado republicano na súa breve historia e o ascenso de Falange Española durante os seus últimos meses. Máis aló da fría análise dos feitos históricos, este libro recoñece como a conflitividade social violenta afecta ás persoas que a experimentan, alimentando o lume da violencia nun contexto mundial de radicalización e desconexión entre as distintas forzas políticas.

Contaremos coa presenza dos seus autores. Eliseo Fernández (Ferrol, 1967) é licenciado en Documentación pola Universidade da Coruña. Traballa como bibliotecario e é investigador sobre a historia do sindicalismo e o anarquismo en Galiza. Emilio Grandío (A Coruña, 1967) é profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. É especialista na II República, primeiro franquismo e transición democrática. Entre 2006 e 2013 foi coordinador do proxecto interuniversitario Nomes e Voces.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies