28

Set

Presentación da novela “Outono aquí”

19.30 h

Mario RegueiraO mércores 28 de setembro, ás 19.30 h, presentamos a novela Outono aquí de Mario Regueira editada por Menino Morreu.

A viaxe que leva Guillerme para a cidade flamenga de Gante con a intención de reclamar unha herdanza ao seu irmán doente, significará o regreso a un escuro pasado familiar marcado pola violencia. Os descubrimentos emerxentes abalarán a identidade do mozo protagonista durante un percurso físico e musical que brindou ao seu autor, Mario Regueira, o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, concedido polo Concello do Grove, na súa convocatoria de 2011. Esta edición, unha década despois da súa primeira saída do prelo, inclúe unha introdución do profesor Danny Barreto.

Mario Regueira (Ferrol, 1979) comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey e traducida ao español como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé), Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira), O silencio (2012) e Marco Livorno (2019), premiado no XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

Licenciado en Filoloxía Galega, diplomado en Dereito e doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, ten tamén unha longa carreira como crítico literario en distintos medios, ademais de ser autor dos ensaios Lois Pereiro, unha persecución (2011) e Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966) (2020).

Participa tamén do podcast cultural Buran e ten dirixido obradoiros de creación literaria para o proxecto Tecedeiras e outras asociacións culturais.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies