O xoves 23 de marzo, ás 19.30 h, e dentro do ciclo Aula Aberta coa UDC, Inma Doval falaranos da proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos.
A consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións, cun carácter performativo. Nesta palestra analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. As autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico.
Inma Doval, é licenciada en Historia da Arte moderna e contemporánea pola USC e mestra en Literatura, cultura e diversidade pola UDC. Actualmente desenvolve a súa tese sobre as relaciones entre poesía e artes plásticas en mulleres poetas contemporáneas de Galicia, Portugal e Brasil dentro do Programa de Doutoramento en Estudos Literarios (UDC/UVigo). É tamén bibliotecaria na Universidade da Coruña, é coordinadora do Club literario Nébeda, e artista multidisciplinar e activista cultural.
Se tes interese en asistir a este evento, envíanos os teus datos a través deste formulario: