O mércores 27 de setembro, ás 19.30 h, acolleremos a presentación dos Premios Selic 2022, unha presentación dobre: Faise o escuro de Carme Varela e Areanegra na Casa Encantada de Puri Cabido.
FAISE O ESCURO
Neste texto teatral de Carme Varela, case nunca as cousas son o que parecen. As persoas tampouco. Unha inocente cea cun vello coñecido pode abrir as portas do abismo. Unha amizade que se transforma e nos descobre o peor rostro das relacións humanas. O pracer de someter sen máis recompensa que alimentarse da aniquilación.
E no fondo da escena un parque eólico beneficiado por unha tramitación viciada pola indiferenza de quen debía ser árbitro e garante ecuánime. A fluidez e o ritmo da peza e a profundidade emocional e psicolóxica das personaxes foron claves para o xurado do certame literario SELIC que premiou Foise o escuro na edición de 2022.
AREANEGRA NA CASA ENCANTADA
Este texto de Puri Cabido fálanos da Cadea Humana na Costa da Morte, organizada pola Coordinadora de Ensino Areanegra. Foi unha experiencia escolar única mediaticamente impactante, mais curiosamente case esquecida ou reducida a mera insignificancia polos relatos que conmemoran aquel momento. Mais tal empresa requiriu un inxente traballo previo completamente descoñecido para as persoas que non formaron parte da súa organización, traballo que se desenvolveu fundamentalmente nun local okupa, a Casa Encantada, en Compostela, hoxe desaparecida. O obxectivo deste libro é dar a coñecer o desenvolvemento dese traballo organizativo, así como o resto das actividades deseñadas e organizadas polo colectivo Areanegra.
Carme Varela, é licenciada en Filoloxía Galega. Compaxina traballos na Fundación Castelao como Secretaria Técnica con outros no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Traballa na empresa de servizos teatrais RTA. Foi Directora de Produción do Centro Dramático Galego e na actualidade a súa vida laboral está vencellada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia onde participa en proxectos de publicidade ou na produción de películas documentais. As desterradas, premiada no XXV Premio Álvaro Cunqueiro e tamén co premio Follas Novas, foi o seu primeiro texto teatral e foi creado como unha actividade para desenvolver no seo da asociación de patrimonio medieval O SORRISO DE DANIEL da que é secretaria e que axudou a fundar en 2010.
Puri Cabido é docente, activista feminista, integrante e fundadora de AREANEGRA e da plataforma galega NUNCA MÁIS. Catedrática de lingua e literatura francesas, e licenciada en Filoloxía galego portuguesa.
Traduciu do francés ao galego a Hélène Cixous, a obra de teatro titulada La prise de l´école de Ma dhubai, (A conquista da escola de Ma dhubai), texto que foi levado a escena pola compañía de Teatro do Atlántico.
Traballou como docente en Cuba, na Cátedra de Galego da Universidade da Habana. Ten publicados varios artigos en revistas feministas e de pedagoxía (Andaina, Aula, etc).
Se queres asistir a estas presentacións, envíanos os teus datos a través deste formulario: