O xoves 13, ás 19.30 h, presentaremos no noso local a revista de fútbol O DEZ con Óscar Losada, editor e director da revista.
No número 8 da publicación fíxose un especial sobre os homenaxeados no Día das Letras galegas e a súa ligazón co fútbol. Algúns deles chegaron a xogar no equipo da súa vila natal, caso de Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel e Carlos Casares.
Antón Losada Diéguez presidiu o Eiriña e Castelao fixo caricaturas de varios xogadores desa escuadra. Paz Andrade foi secretario dun club pontevedrés e Manuel María escribiu o himno do Club Lemos.
Por outra banda, o fillo de Antón Villar Ponte foi un destacado xogador do Deportivo.
O número 8 da revista recolle un traballo cultural e deportivo inédito, que pretende ofrecer contidos exclusivos que ninguén publicou nunca nos medios de comunicación.
Nesta presentación tamén se proxectará a curtametraxe “Irene, a porteira”, de dez minutos de duración. É un traballo do ano 2000 que afonda na figura de Irene González Basanta, a gardameta que xogou, nos anos vinte do século pasado, con dez rapaces no equipo infantil Irene F.C., do que era a capitá.
Todas as persoas asistentes á presentación serán agasalladas cun exemplar deste número da revista.