A memoria das mulleres
A necesidade de afondar no coñecemento e ao recoñecemento da historia das mulleres levaron a algunhas administracións, é o caso do Concello de Pontevedra, a acometer traballados de recollida de investigación e divulgación da historia protagonizada por mulleres.
Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda levamos moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. Entendemos en ACAB que é necesario construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual que sexa útil para a información, a consulta e a investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña. É así mesmo imprescindible traballar para a visibilización das mulleres, atendendo de modo específico ás clases traballadoras, empregando as tecnoloxías da comunicación para divulgar os materiais e recursos dispoñíbeis.
Para coñecer outras experiencias teremos con nós o venres 15 ás 20 h a Luís Bará, Deputado do BNG e Concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica no Concello de Pontevedra para presentar a web Do gris ao violeta realizada polo Concello de Pontevedra e que é o resultado dun esforzo colectivo que permitiu reunir textos, nomes, vidas, fotografías, sons, novas… dunha historia das mulleres.
Podes atopar máis información no seu blog persoal: Non des a esquecemento
Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra.