05

Feb

Presentación de “Furia”, de María Reimóndez

19.30 h

FuriaO luns 5 de febreiro, ás 19.30 h, preséntase no noso local o libro Furia, de María Reimóndez, editada por Xerais.

A obra é unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e unha constatación da importancia de termos sempre alguén na nosa esquina que nos guíe á hora de evitar os golpes eludibles e nos acompañe para encaixar os inevitables.

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. Conta cunha ampla lista de títulos, dende a poesía ao ensaio, pasando pola narrativa. Como poeta destaca Galicia en bus (2018), co que gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira, e en ensaio, a obra Feminismos (2013), en coautoría con Olga Castro, e A casa do amo (Xerais, 2024).

É autora, entre outras moitas novelas de  O club da calceta (2006), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés e adaptada á escena e ao cine ou as novelas do Ciclo dos Elementos: En vías de extinción (2012); Dende o conflito (2014), Premio Xerais de Novela; A música dos seres vivos (2015); As cousas que non queremos oír (2017) e As estacións do lobo (2019). Na colección Milmanda publicou Cobiza (2021), I Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero e Multitudes (2023). 

Na presentación a autora estará acompañada por Bárbara G. Vilariño, xornalista, Alba de Lucía Vázquez, estudante de 4º de ESO e afeccionada ao boxeo, e Sara Vila, responsábel de comunicación de Xerais.

Se queres asistir a esta presentación envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies