30

Nov

Presentación de “Hamlet”, tradución de Miguel Pérez Romero

19.30 h

HamletO xoves 30 de novembro, ás 19.30 h, presentarase no noso local a tradución feita por Miguel Pérez Romero de Hamlet, de William Shakespeare, editado por Laiovento.

A tráxica historia de Hamlet, príncipe de Dinamarca, de William Shakespeare, é unha obra profunda, complexa e enigmática que transcende os límites da traxedia de vinganza. O seu protagonista ten sobre a súa conciencia a dura tarefa de vingar o aleivoso asasinato de seu pai perpetrado polo seu propio irmán, Clodio, para arrebatarlle a coroa e a esposa; pero para iso el mesmo debe converterse en asasino. Antes de consumar a vinganza, que inevitablemente acabará en catástrofe, Hamlet será responsable, directa ou indirectamente, doutras mortes. É unha traxedia de dimensións e resonancias universais. Pode non ser a obra máis perfecta de Shakespeare, pero si a máis estudada e traducida, a máis representada e filmada e , sen ningunha dúbida, a máis popular. Tanto a obra como o seu protagonista foron (e seguen sendo) analizados desde todos os puntos de vista posibles: estético, ético, filosófico, psicoanalítico, político, feminista… Hamlet é a obra dramática máis influente da cultura occidental e a máis citada, e o seu protagonista segue a ser contemporáneo noso, igual que o foi para xeracións de séculos anteriores. A profundidade da obra, a súa complexidade e ambigüidade fan que non poidamos conseguir nunca un Hamlet definitivo. É e seguirá sendo sempre unha obra aberta, susceptible de múltiples lecturas.

Na presentación estarán, ademais do tradutor da obra, Manuel Lourenzo, autor, director e actor teatral.

Se queres asistir a este evento, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies