O xoves 16 de marzo, ás 19.30 h, presentamos o libro Querida Paula, de X. Antonio Andrade, reeditada por Espiral Maior.
X. Antonio Andrade (Seavia, Coristanco, 1957), escritor, novelista, avogado e político, fillo de pais emigrantes en Francia, cursou o bacharelato na Academia Leus de Carballo e, licenciado en Dereito pola UNED, exerce a avogacía dende o ano 1988 na Coruña. É membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns e do Clube de Oratoria Toast Masters International. A súa obra narrativa conta con títulos Seavia é nome de parroquia (2007), Reválida de sexto (2008), Querida Paula (2012) e Nas cortinas do tempo (2019). Colaborador de prensa e radio, como narrador ten obtido un amplo recoñecemento do mundo lector e tense convertido nunha referencia literaria e cultural de primeira orde na Coruña, en Bergantiños e en toda a Costa da Morte.
Querida Paula, novela publicada en 2012, sae de novo, en edición actualizada, ao encontro de lectoras e lectores que atoparán nela unha historia de amor (e desamor) a producir nas súa páxinas unha fonda conmoción a través das luces e das sombras da condición humana.
Ademais do autor, intervirán Miguel Anxo Fernán Vello, como editor, que fará unha reseña do autor e Mercedes Leobalde, escritora e tradutora, que nos ofrecerá unha análise da obra.
Se tes interese en asistir, envianos os teus datos a través deste formulario: