O sábado 12 de novembro, ás 19.30 h, a Fundación Luís Seoane acollerá a presentación da serie documental Lenzos e partituras, un proxecto impulsado pola Asociación Cultural AÏS e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e producida por Miramemira que reúne a artistas e músicos contemporáneos.
Lenzos e partituras é unha web serie documental que nace co obxectivo de establecer canles entre a música e as artes visuais do século XXI. O compositor Hugo Gómez-Chao e a actriz Chus Álvarez, director e guionista do proxecto respectivamente, constrúen un espazo aberto á escoita e á difusión dos traballos e procesos de diferentes creadores coa cidade da Coruña como pano de fondo.
O acto será presentado pola historiadora da arte Carmela Galego, quen fará un percorrido polos capítulos da serie acompañada por moitos dos vintecatro artistas plásticos e intérpretes que participan nela.
A lista completa dos creadores que interveñen nos dez capítulos da serie é a seguinte: Xurxo Gómez-Chao, Florian Vlashi e Rediana Lukaçi; Soledad Penalta e Noè Rodrigo Gisbert; Jesús Núñez, Pedro Galilea e Berthold Hamburger; Julia Ares e Rafael Fernández Rodríguez; Luisa Valdés e Sergio Delgado; Gosia Trebacz e Wilson Ortega Rueda; Teo Soriano e Noè Rodrigo Gisbert; Yolanda Dorda, Despina Ionescu e Tomás Ionescu; Iria do Castelo e Pablo Coello; Ánxela Caramés, Leticia Castromil e Ruslana Prokopenko; Emile Gireu e Noè Rodrigo Gisbert.
O acto é de entrada libre, previa reserva no teléfono 981 216 015.