24

Mai

Presentación de “Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero”

19.30 h

Nada galego é alleo a Ricardo Carvalho Calero. Esta antoloxía así o certifica. A súa é unha obra que continúa a ser unha fonte ineludíbel de instrución e de sabedoría para as galegas e galegos de hoxe. (Mª Pilar García Negro).

O luns 24 de maio, ás 19.30 h, presentamos no noso local o libro Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, de Pilar García Negro, editado por Laiovento.

Pilar García NegroPerguntémonos por que cómpre continuarmos a celebrar Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990). Responderemos en forma de esquema que resume o sentido dos traballos compilados neste libro: a) porque o merecen a súa persoa e a súa obra; b) porque a súa vida e traxectoria abranxen un século XX á galega que coñeceu acontecementos fundamentais da nosa historia contemporánea, de que el foi testemuña e/ou protagonista, como membro activo do Seminario de Estudos Galegos e do nacionalismo dos anos 20 e 30; c) porque é artífice directo e perseverante da construción cultural galega dese século; d) por ser o escritor da súa xeración que máis e mellor contribuíu ao engrandecemento da literatura galega en todos os xéneros; e) porque a súa obra estritamente de creación literaria (poesía, teatro, narrativa) abondaría, alén da súa inmensa obra científica, para lle consagrar unha atención máis aló do Día das Letras Galegas.

Ricardo Carvalho Calero non ten data de caducidade ou data de validade. Este libro é tributario deste recoñecemento e ilumina aspectos fundamentais da súa dedicación á lingua galega, á creación literaria e ao estudo da literatura como arte fundamental da nación galega.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies