24

Abr

Conmemoración da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral

12.00 h

CarralA Plataforma Vía Galega organiza un acto público conmemorativo dos feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral. Será o sábado 24 de abril ás 12:00 h en Carral e contará coa intervención do artista Xurxo Souto.

Mediante esta actividade, Vía Galega, a plataforma social en defensa dos intereses nacionais de Galiza, quere lembrar os acontecementos de 1846 coa conformación da Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza e as proclamas de Antolín Faraldo, para loitar contra a posición subordinada á que fora sometido, política e economicamente, o noso país baixo a ditadura do xeneral Narváez.

Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou diversos combates contra as tropas enviadas para sufocar a idea de erguerse contra o Goberno español absolutista por mor da imposición dun sistema tributario centralizador e discriminatorio para as clases populares.

Eses feitos quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. En maio de 1904 ergueuse, a iniciativa da Liga Galega da Coruña, o monumento aos Mártires da Liberdade que está situado en Carral.

Vía Galega quere mediante este acto transmitir os feitos da Revolución Galega de 1846 dun xeito didáctico e participativo para que a mocidade coñeza os motivos desta rebelión e a historia dos Mártires da Liberdade.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies