20

Xuñ

Presentación de “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo”

19.30 h

O clamor do feminismoO martes 20 de xuño, ás 19.30 horas, e nos xardíns de Méndez Núñez, fronte a estatua de Curros Enríquez, presentaremos O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Esta obra é o primeiro anexo que publica a revista de estudos rosalianos Follas Novas, da Fundación Rosalía de Castro.

Rosalía de Castro (1837-1885) é a escritora que inaugura o ensaio, como xénero literario, na literatura galega contemporánea. Así o certifican as súas introducións a Cantares gallegos (1863) e a Follas novas (1880), que son moito máis do que prólogos ao uso. Tal innovación reforza o carácter profundamente intelectual e premeditado dunha obra literaria que se pensa e se explica a si mesma e que a autora coloca a pé feito ao servizo da patria galega e da lingua galega. Igualmente brilla o seu papel pioneiro no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller, a apoloxía das súas conxéneres e a solidariedade coas duplas vítimas do sistema, por mulleres e por galegas. É, sen dúbida, a primeira feminista da nación galega. Son elocuentes, personalidade e obra, dunha sintonía non casual: a que eleva a lingua abaixada do seu pobo, en alianza coa defensa das mulleres e da nación mesma. Expresará como ningún outro autor do seu tempo a apoteose da subordinación e, asemade, o clamor da rebeldía.

Este traballo foi premiado no seu día co XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e merecera tamén o premio de ensaio da AELG do ano 2011. Fora ben acollida en múltiples presentacións que se fixeron por todo o país, toda vez que a obra foi publicada por Sotelo Blanco Edicións en 2010. Por esta razón, é a obra que inaugura a colección de Anexos de Follas Novas, que aspira a ampliar e completar os horizontes de diálogo coa obra de Rosalía.

No acto intervirán, ademais da autora, María Pilar García Negro, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o director da revista Follas Novas, Xosé Luís Axeitos.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies