O sábado día 4 de decembro continuamos celebrando os 150 anos de Rosalía na Coruña. Nesta ocasión, Xosé Luís Axeitos guiaranos no roteiro que leva como título O casal Rosalía de Castro-Manuel Murguía.
Un roteiro polos espazos coruñeses da familia Castro-Murguía non ten valor rememorativo para turistas ocasionais de fin de semana. Responde ao deber cívico que temos como cidadáns de construír e producir un discurso sobre o pasado ao servizo de obxectivos do presente para preparar o noso futuro en liberdade. Cando eliximos como paradigma e modelo precursor a Manuel Murguía ou Rosalía de Castro estamos a proclamalos como patrimonio da memoria para os nosos anceios de futuro.
Visitaremos, guiados por Xosé Luís Axeitos, o investigador que máis sabe sobre Manuel Murguía, as casas nas que viviu Rosalía na Coruña (hoxe sabemos que foi máis dunha), a casa na que viviría moitos anos, e na que logo morrería, Manuel Murguía e outros espazos da cidade moi vinculados a Murguía e a Rosalía. Remataremos o roteirono xardín de San Carlos porque o poema de Rosalía a Moore é a mellor metáfora da liberdade e da nosa terra como lugar de acollida.
Neste roteiro contaremos tamén co gaiteiro Raúl Galego que nos tocará a Alborada e a actriz María Barcala e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, que recitarán para nós.
O punto de encontro para a saída será a Praza de San Nicolás, ás 12 horas.