23

Set

Roteiro Ler a Cidade: A rúa de Santo André

18.00 h

Rúa de Santo AndréO sábado 23 de setembro, ás 18 horas, realizaremos o roteiro Ler a Cidade: A rúa de Santo André

Guiaranos neste roteiro o arquitecto Xosé Lois Martínez. Contaremos tamén con Carmela Galego, Patricia Angulo, Iván Méndez e Ana Romero. Podemos considerar a cidade como un texto e a quen por ela se despraza, é dicir o usuario da cidade, como unha especie de lector.

¿Por que eliximos Santo André como inicio da lectura do libro da cidade? Que nos di, que nos conta neste momento o sinuoso trazado de Santo André?

Estamos a contemplar o resultado dun longo proceso histórico: a imaxe fixa dun filme que se inicia coas primeiras pegadas sobre un areal. Nel van quedando as marcas dun camiñar que debuxa un traxecto, un recorrido polo centro do istmo cara o cabo fisterráneo da península.

Sobre o camiño, un asentamento lineal convertido en arrabal coa presenza da cidade amurallada.

Extramuros.

Rúa Santo AndréCon mais de 700 m de lonxitude e unha anchura excepcional entre 15 e 20 m na maior parte do seu recorrido, podemos considerar Santo André como a gran rúa-mercado da urbanística medieval en Galiza no asentamento mariñeiro da Peixaría.

O camiño iniciático convertido na rúa vertebral do tecido urbano dun arrabal mariñeiro e periférico que bloqueado polas murallas, só se consolidará definitivamente como centralidade urbana e territorial sobre o lenzo militar da muralla de mar e co derrubo das murallas de terra. Convertida a Peixaría no ámbito de preferencia para a localización de edificios institucionais (Aduana, Consulado, Casa do Concello, Goberno e Deputación Provincial, gran Praza co Pazo Municipal) e equipamentos (Mercado, Teatro), da residencia, das actividades comerciais, e industriais da burguesía decimonónica.

A rúa de Santo Andrés devén así nun elemento fundamental na Coruña como capital da modernidade na Galiza contemporánea.

O punto de saída será o cruceiro á beira da igrexa de Santo André. Non é necesaria inscrición.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies