O mércores 8 de febreiro, ás 19.30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Santo André, n°36, 1°) proxectaremos –en colaboración con Valdeorras Infinda– o documental Santoalla.
Dirixido polos estadounidenses Andrew Becker e Daniel Mehrer –e producido pola valdeorresa Cristina de la Torre–, o filme xira arredor da desaparición e asasinato do neerlandés Martin Verfondern na aldea de Santoalla (Petín) en xaneiro de 2010. No documental aparece a vida de Martin e a súa muller Margo Pool durante as décadas de 1990, 2000 e 2010.
O filme vai entrelazando montaxes de vídeo de arquivo, entrevistas á propia Margo Pool, metraxe de telexornais e outros informativos. Unha mestura de pasado e presente que amosa o progresivo deterioro da relación entre os veciños que culmina nun tráxico final.
O documental –que recibiu numerosos premios– estreouse internacionalmente no Festival Internacional de Cinema de Edimburgo o 17 de xuño de 2016.
Á proxección seguirá un coloquio coa súa produtora, Cristina de la Torre.