O luns 7 de novembro, ás 19.30, e dentro do ciclo Pensando o Futuro, Iria Veiga, médica psiquiatra, ofrécenos unha palestra co título Saúde mental e autocoidado nas mulleres.
Falaremos dos determinantes de xénero sobre a saúde das mulleres, tanto dos biolóxicos como dos psicosociais, con especial fincapé na saúde mental e analizaremos como o sistema patriarcal condiciona o noso acceso aos sistemas de saúde, o noso xeito de enfermar e as nosas condicións e diagnósticos psíquicos.
Iria Veiga, médica psiquiatra. Nacín en Ferrol en 1981, onde vivín ata os 18 anos, cando me trasladei a Compostela para cursar a carreira de Medicina e onde resido dende entón. Dende 2007 traballo na sanidade pública como psiquiatra. Colaboro no xornal Nós coa columna semanal Po de Estrelas, e participei en diversas iniciativas de divulgación científica como escépticos no Pub, Pint of Science e canle de Twitch sobre divulgación científica Balea Vermella, xunto co químico Javier Balea. Tamén manteño o meu propio blog de divulgación científica, O Outro Lado do Espello.
Este ciclo seguirá durante tres luns máis entre novembro e decembro, sempre ás 19.30 h. Dialogaremos, ademais de con Iria Veiga, con Óscar Pazos, Hugo López e Helena Miguélez-Carballeira.