10

Mai

Se tes toda a razón, aforra vir

20.00 h

Se tes toda a razón, aforra virCo título, Se tes toda a razón, aforra vir, Xosé Manuel Pereiro inicia este xoves 10 ás 20h, o primeiro dos encontros do ciclo M68 Pensar xunt@s NON. Empurrar xunt@s SI: “Recoñezo que non teño respostas, pero si unha chea de preguntas: Estamos tan mal como parece ou aínda menos mal que estamos como estamos? Se seguimos facendo as cousas como sempre as fixemos, podemos agardar outros resultados? Por que, en boa medida, a opción maioritariamente escollida é o moi malo coñecido? Hai posibilidades de cambio, e caso de que si, será a mellor?”.

Con este nome de estrada de circunvalación madrileña, M68, argallamos un ciclo para (re)pensarnos as revolucións que cómpre facer. E estámolo deseñando con ese lema: Pensar xunt@s NON. Empurrar xunt@s SI.

M68, hai 50 anos que diferentes revoltas puxeron en cuestión o statu quo existente e moitos lugares do mundo. Desde París até a República Federal Alemaña, desde Suíza a México, desde Arxentina a Italia pasando por Uruguai, Estados Unidos, Checoslovaquia ou Galiza.

Porque cómpre saber que na Galiza, na primavera de 1968 na Universidade de Santiago tivo lugar unha revolta que foi un punto de saída para as mobilizacións dos anos seguintes, para o avance da afiliación e organización política contra a ditadura.

Folgas, peches, protestas multitudinarias que tiveron unha enorme influencia no desenvolvemento socio-político de Galiza nos anos seguintes., “Santiago era o marco ideal para aquel movemento que cambiou Galicia moito máis do que a historia tradicional transmitiu á xente, pois cambiou as elites universitarias de toda unha xeración…De aí saíron novos movementos sociais e novos partidos de carácter progresista, e moitos deles autóctonos e nacionalistas”. (Fermín Bouza Álvarez).

Os sucesos que estouparon en marzo de 1968 en Santiago de Compostela son o resultado dun combate que viña xestando de anos anteriores e que fai que milleiros de alumnas e alumnos marchan pacificamente desde as facultades de Ciencias e Medicina ao reitorado, permanecendo fechados no edificio uns catrocentos até que son desaloxados pola policía, mentres entoan o Venceremos Nós, convertido desde aquela no auténtico himno da loita.

A pulsión antifascista enchoupou as mobilizacións do marzo galego, superando o marco das reivindicacións concretas, exemplificado de xeito moi particular na influencia decisiva que van xogar no conflito as organizacións antifascistas operantes na universidade compostelá.

Nin a Universidade de Santiago, nin a sociedade galega foron as mesmas despois do 68.

E mentres isto sucedía na Universidade galega, no mes de maio en Francia grupos estudantís de esquerda en unión con obreiros, sindicatos e o Partido Comunista francés foron capaces de levar a cabo a maior revolta estudantil e a maior folga xeral da historia de Europa occidental, secundada por más de nove millóns de persoas traballadoras.

E 50 anos despois que? son estes tempos de Revolucións? De loitas a gañar na rúa? Os motivos sobran dicímonos cada día. Que nos faltan? As respostas? Ou non pode haber respostas axeitadas porque xa as preguntas non o son?

Se queres saber más do marzo do 68 galego podes informarte no número 286 de Sermos Galiza.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies