01

Abr

Inauguración da exposición “Serea de Cores”

19.30 h

Serea de CoresO venres 1 de abril, ás 19.30 h, inauguramos no noso local a exposición SEREA DE CORES, de Francisco Pérez Porto e Carme Romero.

Francisco Pérez Porto e Carme Romero, ceramistas presentan esta proposta conxunta de acuarelas e cerámicas, pezas artísticas que xiran arredor dun romance escrito por Carme.

Francisco Pérez Porto. Fene 1938

O seu pai poeta, unha avoa virtuosa do piano e cinco tías cheas de historias envolven a súa nenez de arte e formarán sen sabelo o seu imaxinario.

Comeza coa pintura, o seu primeiro cadro lembra pintalo ao abrigo do seu pai suxeitando un paraugas.

Nos anos 70 forma parte dun nutrido numero de artistas que se botan á rúa para defender o idioma e a cultura popular, tamén entra en contacto có barro e fórmase en Buño cun alfareiro chamado Lelo de Veloi.

O torno proporciónalle o pulo para crear novas pezas, e desde o tradicional, dar unha volta e desenvolver unha revolución de formas e cores nunca vistas na alfarería e na cerámica. Esculturas de nenos e nenas, mulleres, grupos para amosar as nosas tradicións. Petos de ánimas, maios, xogos populares, músicos, persoeiros.

En Sargadelos, da man de Díaz Pardo entra nunha nova etapa. Arte e deseño en prol da cultura popular e uns medios técnicos e humanos ao seu dispor para crear. De aí saen pezas seriadas, coleccións de alfarería e monumentos a persoeiros importantes da nosa cultura como Dieste, Alexándre Bóveda, Castelao e a súa fonte; tamén a Emigración, a Pardela , o Pallaso. Igualmente en Sargadelos imparte os cursos internacionais de verán.

Despois serán Ourense, Lugo e Ferrol , cidades onde compaxina a ensinanza nos cursos coa creación de novos monumentos. A fonte das lavandeiras, monumento á Muralla, monumento á Música.

Actualmente segue a traballar no seu taller particular, dá charlas en colexios, colabora en escolas , fai exposicións e ultima a montaxe no Museo que lle dedicaron e que levará o seu nome en Esmelle.

Carme Romero Díaz, Fene 1964.

Desde moi nova a pintura, a música, a escrita, a fotografía formaron parte da miña vida.

Nos 80 a marcha a Madrid fíxome tomar conciencia da miña galeguidade e da nosa cultura popular.

En 1999 entrei en contacto co barro abríndose un mar de posibilidades creativas para unha persoa curiosa coma min. Petroglifos, formas redondas, espirais, invadiron as pezas que ían saíndo do forno , esa conxunción e a arela do mar fixo que a miña primeira colección se nomease “Mulleres mariñas”. As miradas, as expresións dos sentimentos nas facianas entraron a formar parte do meu traballo.

De volta a Galicia , no 2011 amoso en Fene as “Mulleres mariñas” e xorde o proxecto da escola de cerámica no muiño do Pombal coa axuda do Concello de Fene.

Un curso no CENTRAD en Lugo, do mestre Pérez Porto, amplía con novas técnicas a forma de encarar o traballo.

“Meigas, sabias e mulleres boas” , esculturas ocas de maior formato nacen para contar as nosas lendas, contos, costumes; para amosar a natureza que vai da man con nós en forma de muller. Mulleres con peiteados de cores que adoito como un selo persoal, quizais lembrando o meu primeiro oficio, a perruquería. As zocas en recordo da miña avoa Carmen.

Na actualidade compaxino a ensinanza na escola có meu traballo, sego a facelo dende a sororidade que me abrangue como muller e creadora.

Na inauguración contaremos coa música de Iria Quintía Romero (guitarra) e Candela Quintía Romero (zanfona).

Podes descargar aquí o díptico da exposición con texto do escritor Lois Diéguez.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies