O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas.
Levabamos varios anos traballando para que a Real Academia Galega dedicara o DÍA DAS LETRAS GALEGAS a Luísa Villalta e hai uns días vimos de saber que o 2024 será o ano de Luísa. Sempre dixemos que cando o souberamos o festexariamos e iso queremos facer este sábado 15 de xullo, o día no que Luísa estaría de aniversario (A Coruña, 15 de xullo de 1957- 4 de marzo de 2004). E que mellor que un guateque!
Temos o sitio ideal para un guateque, unha discoteca que é hoxe igual a como era cando Luísa tiña 20 anos: a discoteca que está no soto do Circo de Artesáns (rúa Santo André nº 36, 1º).
Será unha festa de homenaxe e de lembranza da que é socia de honra de ACAB, a amiga, a poeta, a narradora, a ensaista, a articulista, a música…
O seu libro Siléncio, ensaiamos inspíranos para este guateque que agora queremos facer e que chamamos Silencio, festexamos.
A música vanna poñer Alberto Pombo e Lucía Aldao, mais teremos tamén as voces amigas, daquelas que a coñeceron, das que gozaron coa súa obra, das que queren festexala porque ela definiu tan ben o espazo que habitamos Cidade tatuada na pétrea pel do mar.
Vide de guateque o sábado 15 de xullo de 20:30 a 22:30.