O venres 14 de xullo, ás 19 h, presentaremos o libro A la sobirania per l’esquerra, una anàlisi de l’auge d’ERC, EH Bildu i BNG de Andreu Pujol e Silvio Falcón editado por Angle Editorial.
Neste ensaio, merecedor do Premio Josep Irla, Andreu Pujol e Silvio Falcón analizan a evolución histórica das tres forzas de referencia do independentismo de esquerdas en Euskadi, Galiza e Catalunya. Tres experiencias políticas, tres sociedades que representar, tres traxectorias heteroxéneas cun obxectivo común: construír un proxecto social e político en clave de esquerda nacional. A partir da análise de cada caso, das entrevistas a dirixentes e tamén da comparación con outras correntes soberanistas europeas, os autores conseguen mostrar un sólido mapa das estratexias presentes e futuras das esquerdas nacionais, onde os retos son máis compartidos que nunca.
Contaremos nesta presentación cos seus autores, Andreu Pujol e Silvio Falcón, presentados por Iria Taibo.
Andreu Pujol, Breda (1986) é licenciado en Historia e Historia da Arte. Colaborou como analista político en medios como TV3, Catalunya Ràdio, La Sexta, Telecinco, Cuatro ou El Periódico de Catalunya. Publica habitualmente artigos en El Punt Avui, El Temps e El Món. É autor de varios libros.
Silvio Falcón, Esplugues de Llobregat (1989) aínda que medrou en Ourense, é licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Barcelona. Analista político, especialista en América Latina, a UE e o sistema político español. Foi asesor do Parlamento Europeo, profesor asociado na UB e actualmente é técnico superior na Administración da Generalitat de Catalunya. Colaborador en varios medios, El Diario, Praza pública e Nós diario.
Se tes interese en asistir, envíanos os teus datos a través deste formulario: