O luns 28 de marzo (ao día seguinte da celebración do Día Mundial do Teatro), ás 19.30 h, Jorge Castro ofrecerá no noso local unha palestra sobre os teatros da II República.
O ano 2022 é o ano da coruñesa María Casares, a grande actriz do teatro francés. Aínda que o seu triunfo teatral ocorreu en Francia, as bases da súa vocación naceron na Coruña e nos breves anos que viviu en Madrid durante a II República. E como era o teatro que María viu neses anos? Faremos un percorrido polo teatro deste anos, para ver a importancia que a II República deu ao teatro. Mirar o teatro desa época axuda a entender como se construíu aquela sociedade.
Dentro de todo este panorama non poderemos obviar o labor do Teatro del Pueblo, de La Barraca ou El Búho, e faremos especial fincapé no Retablo de Fantoches, o teatro de monicreques, dependente tamén das Misións Pedagóxicas, e que foi creado e dirixido por Rafael Dieste.
Jorge Castro Ruso é bibliotecario e director do club de teatro da biblioteca municipal Sagrada Familia. Foi actor amador en diversos grupos teatrais, actor de radio teatro, monitor teatral en centros educativos da cidade, na Universidade da Coruña, en escolas de tempo libre e en centros galegos de América e Europa. Impartiu cursos teatrais dirixidos a profesorado de primaria e secundaria.