03

Nov

Unha estrela para Rosalía

17.30 h

A Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) foi fundada en 1919 e para celebrar o seu centenario, a IAU organizou a campaña mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.

HD 149143 é a estrela asignada a España. É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario.

Unha estrela para RosalíaA Agrupación Astronómica Coruñesa Ío propuxo nesta campaña o nome de Rosalía de Castro para a estrela HD 149143, e o de Río Sar para o seu exoplaneta. Para que o nome de Rosalía poida dar nome a esa estrela temos que gañar unha votación. Podedes votar xa e até o 12 de novembro no sitio web que creou o comité español da IAU. Durante estes días de campaña desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, pedímosvos que nos axudedes a difundir esta iniciativa. Nas redes sociais, convidámosvos a compartir a palabra de Rosalía de Castro, nomeadamente os seus textos que falan da noite, da Lúa ou das estrelas, identificándoas co cancelo #EstrelaRosalía. Convidámosvos, tamén, a que desenvolvades as vosas propias iniciativas, alá onde esteades, que poñan en valor a Rosalía e o inmenso patrimonio cultural e científico do firmamento nocturno.

E para facer máis visible esta campaña, o vindeiro domingo, día 3 de novembro a partir das 17:30, estaremos diante do teatro Rosalía na Coruña para ler a súa obra e para dar visibilidade a esta campaña. Vide acompañarnos!

Se queres vir ler ou ser voluntaria para axudar alí a explicar a campaña, anótate aquí.

Erro: Formulario de contacto non atopado.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies