08

Xul

Debate sobre usos da fachada marítima

19.30 h

Fachada marítima. ManifestaciónO luns 8 de xullo, ás 19.30 h, teremos unha mesa de debate sobre a fachada marítima organizada conxuntamente polo Circo de Artesáns, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o Club de Opinión Foro Cívico.

Será no salón de actos do Circo de Artesáns, e nela intervirán Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Nárdiz, coordinador do proxecto redactado pola UDC, e Iago Carro, membro do colectivo Porsuporto, gañador do Concurso de Ideas promovido en 2018 polo goberno municipal da Marea Atlántica.

A reordenación da fachada  marítima constitúe a operación máis ambiciosa da Coruña para os vindeiros anos. O interese e o debate que suscita respecto a unha cuestión tan determinante para o futuro da cidade está, dende logo, enlazado coa circunstancia de que é necesario concretar a ubicación dos equipamentos específicos nunhas zonas ben determinadas e aproveitar os efectos da operación para executar un conxunto de plans complementarios.

A idea recobrou vixencia coa constitución da comisión Coruña Marítima, contemplada no protocolo asinado o pasado 22 de maio entre a Xunta e o Estado, así como a Autoridade Portuaria, Portos do Estado, Adif, e os tres grupos con representación municipal. Non hai que esquecer que no convenio de 2004, subscrito entre o Concello e o ministerio de Fomento,  falábase da construción de máis de 3.000 vivendas, das que a metade serían de prezo libre e que servirían, a súa vez, para amortizar o crédito de 250 millóns de euros da Autoridade Portuaria resultantes da construción do porto exterior de Langosteira.

A cuestión de fondo que concentra moitos interrogantes é que a construción de vivendas vai repercutir negativamente nos espazos destinados a zonas verdes, equipamentos públicos, número de vivendas protexidas e  transporte, como a entrada do tren de proximidade até á Praza de Ourense.

En definitiva, a reforma portuaria é hoxe un asunto que está sobre o tapete, é un feito, non unha mera hipótese que poidamos libre ou gratuitamente descartar ou aceptar; como tamén está sobre o tapete a necesidade de tomar posición respecto a unha intervención que marcará o futuro da Coruña.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies