A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, en colaboración coas entidades federadas da contorna da Coruña, a AC Alexandre Bóveda, a AC O Facho, a AVCDR Agra do Orzán e a A.C. Tempo Novo, realizaremos o vindeiro martes, día 31 de outubro ás 19:30 no paraninfo da reitoría da UDC unha pequena festa, lectura pública da peza Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, escrita por Castelao e un magosto popular.
A actividade consistirá na lectura pública desta obra de Castelao, que xa cumpriu os seus cen anos desde a súa publicación pola Editorial Céltiga, como xeito de reivindicala no contexto actual pois esta pequena peza dramática amósanos a sociedade na que vivía Castelao (que ben pode ser na que vivimos nós) mirada por un esqueleto, que en vida, en carne, como persoa, non era quen de ver a realidade, a sociedade na que vivía e o significado das cousas, mais en morte, a través dun obxecto que se converte en fetiche, en moeda de cambio, nun lente, é capaz de analizar o contexto social que reproduce aquel mundo do que provén.
Logo da lectura teremos un magosto como convivio e celebración colectiva.
O acto será aberto e público para quen quixer participar.