O xoves 19, ás 18.30 h, organizamos unha visita á exposición Lugares, na Fundación Luís Seoane, guiada polo seu autor, Vari Caramés.
No ano 2018, a editorial Fabulatorio publica Lugares, un fotolibro que reúne o traballo máis recente do fotógrafo Vari Caramés (Ferrol, 1953), no que o artista fai referencia ao mundo dos seus recordos e á estreita liña que separa realidade e memoria.
As imaxes dunha praia, as luces da feira, o ceo, as pontes, a fonte, as árbores dispostas a ambos lados dunha estrada ou as montañas trascenden o imaxinario do artista para converterse na representación dos nosos propios recordos. Unha experiencia visual que nace da súa habilidade á hora de conferir ao seu traballo ese carácter melancólico, ás veces triste e ás veces onírico, intimista e subtil, atemporal e alonxado de calquera xénero fotográfico estandarizado, no que o esencial non é documentar ou proporcionar información sobre un acontecemento determinado, senón a capacidade para ir máis aló do espazo da imaxe e invocar determinadas sensacións no espectador, situando deste xeito a obra na estreita fronteira que separa ás veces a
fotografía do cine ou da pintura.
Ao longo de catro décadas de actividade artística, Caramés participou en numerosas exposicións individuais e colectivas, incluída unha gran retrospectiva sobre a súa obra que no ano 2001 lle dedicou o Centro Galego de Arte Contemporánea. O seu traballo está presente en importantes coleccións públicas e privadas, como as do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Círculo de Bellas Artes, o Centro de Estudos Fotográficos de Braga, o IVAM ou o propio CGAC, entre outras.
Se queres asistir a esta visita, envíanos este formulario cos teus datos:
Erro: Formulario de contacto non atopado.