O sábado 7 de outubro, ás 11.30 h faremos unha visita guiada, por Marco Antonio Rivas Nodar, ao castro de Elviña.
Este xacemento está localizado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña. É un castro pertencente á coñecida como cultura castrexa. Ten unha superficie de 6 hectáreas e media e, con todo, é posible que a súa extensión sexa maior. Estrutúrase en torno a un sistema defensivo e rede viaria complexos. Existen tres liñas de muralla e na actualidade coñécense tres portas monumentais que expresan a importancia deste xacemento no contexto da Idade do Ferro en Galiza. Outro aspecto característico é a súa complexa planificación urbanística na que se pode ver unha zonificación do espazo ben definida.
En canto a súa importancia histórica, xunto aos castros do sur de Galicia e Norte de Portugal, é un referente para entender a evolución histórica do Norte da Península Ibérica entre os séculos III a.C e mediados do I a.C, momento no que a ocupación do xacemento sofre un abandono repentino por causas descoñecidas.
Marco Antonio Rivas é arqueólogo municipal do Concello da Coruña.