12

Xul

Cineclub Bóveda: “Within Our Gates” / “De portas a dentro”

19.30 h

cineclub bóvedaO venres 12 de xullo, ás 19.30 h, teremos unha nova sesión do Cineclub Bóveda coa proxección de Within Our Gates / De portas a dentro (1920), con música en directo do pianista Rupert Twine.

Pechamos a primeira tempada do Cineclub Bóveda cun evento especial: a proxección do máis antigo filme afroamericano, De portas a dentro (Oscar Micheaux, 1920), con acompañemento musical en vivo a cargo do pianista Rupert Twine, músico versátil que experimentou con moitos estilos diferentes, dende Bach ao Bebop, pasando por Brahms, o jazz ou a música pop. Nesta velada valerase dun repertorio de clásicos do ragtime, o blues e o jazz como Ain’t she sweet, Maple leaf rag, Petite fleur, Alexander’s ragtime band, We’ll gathering lilacs, Roses of Picardy, Basin St. Blues, I’m alone because I love you, A Kiss to build a dream on, While we danced at Mardi Gras, Buddy Bolden Blues e Solace.

Baixo a denominación “race films” agrúpanse o conxunto de películas que desde o período mudo até a década dos 50 se fixeron nos Estados Unidos dirixidas a un público eminentemente afroamericano, en xeral con elencos maioritaria ou integramente afroamericanos e ás veces tamén con directores afroamericanos detrás das cámaras. Películas cos elencos, os temas e os personaxes que a gran industria ignoraba ou utilizaba de forma anecdótica. A figura fundamental dos “race films” é o tamén novelista Oscar Micheaux (1884-1951), director, entre outras moitas, de Within Our Gates / De portas a dentro (1920), que pasa por ser o filme máis antigo que hoxe podemos ver dun cineasta negro. Esta sesión do cineclub rende tributo a un cineasta pioneiro cunha película que reivindica o papel da educación como elemento transformador da sociedade.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies