Fernández del Riego na Real Academia Galega

“A lingua vén ser a expresión cultural máis completa dun país”

(Francisco Fernández del Riego)

Un país e unha cultura

Francisco Fernández del Riego –Letras Galegas 2023– foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega o día 4 de abril de 1948. O 22 de maio de 1960 foi nomeado membro numerario. Será o día 26 de novembro dese mesmo ano –1960– cando Francisco Fernández del Riego ingrese na Real Academia Galega co discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. O acto tivo lugar no Salón de actos da Reunión de Artesáns da Coruña e a resposta ao discurso de Del Riego, en nome da Academia, foi de Ricardo Carvalho Calero.

Xa dentro da Academia, unha das iniciativas de enorme transcendencia que presentou, xunto cos académicos Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, foi –en 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares gallegos–, a proposta de celebración do Día das Letras Galegas.

RAGFrancisco Fernández del Riego foi presidente da RAG desde novembro de 1997 ata novembro de 2001. Segundo a propia Academia:

“Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e o 2001, supuxeron unha apertura sen precedentes na historia da Academia. Durante este período, ingresaron na institución intelectuais de prestixio procedentes dos diversos ámbitos culturais ou científicos, mais, sobre todo, renovouse a vontade de servizo ao País e de participación nos debates do seu tempo”

A continuación, transcribimos algunhas citas sobre a lingua galega do discurso pronunciado por Fernández del Riego na súa entrada na Real Academia Galega e algunha da resposta de Carvalho Calero.

FALANDO DAS IRMANDADES DA FALA:

A língoa é a forma necesaria de entendemento. Non hai creación sin pensamento, nin pensamento sin palabra. E sendo así, manteñen a afirmativa: Soio con língoa propia pode térese unha cultura propia; somentes con cultura propia pódese faguer figura no mundo, pois os pobos con cultura emprestada nin siquera pertescen á historia.”

FALANDO DO GRUPO NÓS:

“O camiño que albiscan aberto ás posibilidades de Galicia, ven ser: O que se nos ofrecerá aos galegos cando seipamos fundir en orixinal e fecunda unidade, dentro das nosas almas, a peculiaridade máis íntima da nosa caste e a peculiaridade máis viva da historia universal. Soio daquela acadaremos ser “homes galegos”… A regaleguización de Galicia chegará polo camiño do mergullamento nas esencias tradicionáis, e polo do avincallamento ao mundo europeo.”

RAGFALANDO DE CASTELAO:

“Pola súa parte, Castelao esalta teimudamente, en varios escritos, o siñificado que a língoa tivo e ten na nosa vida cultural e popular. Afirma, unha vez e outra, que un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes. Nace pola predisposición sicolóxica dun pobo que, en condicións históricas favorábeles, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensibre dunha cultura, xulga que todo atentado á língoa peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar. O seu pensamento, resúmeo nistas espresivas palabras: “O galego é hoxe o idioma que prefiren os intelectuáis como vehículo da nosa cultura; pero aínda que carecerá de tantos méritos contraguidos, abondaríalle ser a fala do pobo traballador para estar diñificado de por sí, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cidadanía. Non esquezamos que si aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma””.

FALANDO DE CABANILLAS:

“Pero o poeta espresa máis concretamente aínda, a súa opinión sobre do idioma. Asín, cando escribe: “A língoa é o noso escudo. Ninguén, seia a que seia a forza asoballante en que se encoste e o poder de que dispoña, conquerirá trocar a espiritualidade dun pobo nin afogar a súa fala, que é a chave da porta da súa libertade e o facho que alumea os seus roteiros de eternidade””.

Panel coa imaxe de Cabanillas

RESPOSTA DE CARVALHO CALERO AO DISCURSO DE FERNÁNDEZ DEL RIEGO:

“Aínda que non é o meu propósito facer a crítica literaria da obra do noso amigo, senón honralo en nome da Academia cun saúdo gozoso no intre en que, chamado por nós, atinxe as nosas portas, hei achar tempo pra indicar que no periodismo e no ensaio —como no exercicio da conferencia, que lle valéu quentes aprausos a ambas bandas do Atlántico— se non esgota a persoalidade diste fecundo escritor. II é tamén o autor dunha Historia de la literatura gallega, e o antólogo da nosa poesía moderna, recollida nos tomos III e IV da Escolma da editorial Galaxia. II é finalmente, o home que dende a súa mocedade está no centro de toda actividade cultural que se despregue na nosa térra, traballando anónimamente, pródigo do seu tempo e das súas forzas, en todos os aspeitos do noso desenrolo espritoal; representante en Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, corresponsal de revistas galaicoamericanas, colaborador desinteresado e ausiliador xeneroso de toda tarefa galega. Así, cando a mencioada institución dos nosos paisanos trasatlánticos acordóu editar a obra completa de Cabanillas, foi tamén Del Riego o encarregado da penosa labor de recoller e orgaizar os materiáis esparexidos, ficando diste xeito vincado o seu nome ao de aquela enxebre groria da nosa poesía.”

Placa na rúa Tabernas

Desde aquí podes descargar o discurso de Fernández del Riego no seu ingreso na Real Academia e a resposta de Carvalho Calero.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies