Frei Martín Sarmiento, o ilustrado defensor do galego

Despois da brillante Idade Media para as nosas letras, tras anos –séculos– de escuridade para a lingua escrita, levántanse as primeiras voces para denunciar unha situación paradoxal: unha poboación que maioritariamente falaba en galego, pero que para a escrita intentaba impoñérselle o castelán. Unha desas voces que reivindicou e defendeu o uso da nosa lingua en todos os contextos foi Frei Martín Sarmiento. A el, en momentos nos que as súas denuncias seguen vixentes, dedicámoslle unhas breves liñas de homenaxe.

Vida de obra de Frei Martín Sarmiento

Frei Martín SarmientoFrei Martín Sarmiento –Pedro Xosé García Balboa– naceu nas terras do Bierzo –en Vilafranca– o día 9 de marzo de 1695 e faleceu en Madrid no ano 1772. Arredor dos catro meses trasládase coa súa familia a Pontevedra, onde estará ata os 15 anos de idade (no 1710), momento no que marcha a Madrid para ingresar na orde de San Bieito. Amigo do padre Feixoo, tras a súa viaxe de sete meses a Galiza –en 1745– a nosa lingua e a nosa cultura pasaron a a ser o seu principal centro de interese. O padre Sarmiento percorreu a nosa terra en varias viaxes que se convertían en verdadeiras expedicións científicas dado o interese do bieito pola nosa riqueza patrimonial.

A única obra que o padre Sarmiento publicou en vida foi Demostración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal, no ano 1732. Hai que sinalar que a parte fundamental dos escritos de Sarmiento pertence ao campo lexicográfico. Deste xeito, é considerado o precursor da moderna filoloxía románica. Tamén lle debemos a el a primeira noticia documentada da literatura galega medieval e as primeiras pesquisas sobre o nacemento do galego. Da autoría de Sarmiento é o Coloquio de Perico e Marica ou Coloquio de 24 gallegos rústicos, unha especie de colección de vocábulos galegos versificada en coplas que lle servirá de base para a elaboración dunhas glosas ou comentarios lingüísticos, traballo que quedou incompleto. O Coloquio de 24 gallegos rústicos está escrito co pseudónimo “O Poeta Marcos da Portela”:

“No chan que en Morrazo
chaman os galegos
chan de Parafita,
que chega hasta o ceo,

 

que está no camiño
que vai ao Ribeiro
dendes Pontevedra,
a vila do reino;

 

a umha legoíña,
camiño dereito
-fai conta que sigues
o rumbo surlesto-

 

se sube en relanzo
por todo o vieiro,
sin muita fadiga
nin muito tormento.

 

Agiña se chega
ao chan que dixemos
e mais é ben ancho
todo o seu terreo.

 

Alí corren lebres
e cazan coellos
os homes nas festas;
dempois van vendelos.

 

De alí, daquel chan
tan alto en extremo,
se ve toda a vila
cos seus arrodeos.

 

Se ve o mar bravo,
se ve o mar quedo,
de Ons e de Tambo
as illas ao lejos.

 

Se ven Portonovo
e, junto San Xenxo,
Marín e Combarro,
Lourido e Campelo.

 

Se ven o Castrove
e mais Montecelo,
tamén San Zibrán
e mais o Castelo.
…………………………”

Como diciamos ao principio, Frei Martín Sarmiento foi unha das primeiras voces en reivindicar a normalización do galego. El consideraba que o ensino, o traballo ou a liturxia tiñan que desenvolverse na nosa lingua. Reflexionando sobre a introdución do castelán en Galiza escribiu:

Non poucas veces teño pensado en cal foi a causa de que en Galicia se introducira o uso de escribir en castelán o que antes se escribía ou en latín ou en galego. Non hai xénero de escritura testamentos, doazón, venda, contrato, foro, arrendamento, compra, cambio, partillas,etc… que eu non teña visto e lido en Galicia ou en latín ou en galego. E sei que se poden cargar carros deses instrumentos que se conservan en Galicia. Non tendo precedido, pois, nin Concilio , nin Cortes nin consentimento uniforme dos galegos par actuar, outorgar, comercializar en lingua castelá, quen a introduciu?
A resposta está patente: que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, senón os non galegos, que nos comezos do século XVI inundaron o reino de Galicia, non para cultivar as súas terras, senón para se facer carne e sangue dos mellores, e para cargar cos máis beneficiosos empregos, así eclesiásticos como civís, foron os que por non saber a lingua galega, nin por cargar palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro. Esta monstruosidade é máis visible nos empregos eclesiásticos.

Na última etapa da súa vida, Sarmiento centrouse nas cuestións pedagóxicas. Tanto é así que en 1768 aparece La educación de la juventud. Da súa preocupación por normalizar a lingua galega no ensino e na igrexa dá conta a anécdota que cita o bieito da muller que foi confesar cun cura castelán que confundiu trebellar con traballar:

Non sei como toleran os bispos que curas que non son galegos nin saben a lingua teñan emprego “ad curam animarum”, e sobre todo a administración do Santo Sacramento da Penitencia. Que é o coloquio dun penitente rústico e galego con confesor non galego, senón un entremés de xordos? Son innumerables os chistes vergoñentos que se contan desa inicua tolerancia. Haberá 13 días que un cura galego natural me dixo que confesando a unha galega díxolle que xa se confesara antes cun castelán, pero que non cría que fose confesión: porque nin o castelán entendeu á galega, nin esta ao castelán.
O verbo “trebellar” en galego, de tripudiare, sempre significa “in malam partem” e dista cen leguas do honesto verbo “traballar” o “trabajar”. Confesor castelán ten habido que ata despois de moitos anos estivo no erro de que o mesmo era o verbo “trebellar” galego que o “trabajar” castelán. E aos penitentes, que confesaran que trebellaran tantas veces dicíalles que en días festivos só podía “trebellar” unha hora, pero que nos días soltos podían trebellar ad laudes et per horas. Si o tal confesor escoitara a copla galega común: “O crego e maila criada xogaban aos trebelliños, etc…” entendería o significado.

Resulta significativo que xa no século XVIII unha persoa como Frei Martín Sarmiento tivese as ideas tan claras sobre unha serie de temas que, aínda hoxe, seguen sen resolver. Na segunda metade do século XIX temos a preocupación dos autores e autoras do Rexurdimento. A principios do XX, a loita da xente das Irmandades da Fala. A normalización cultural de Galiza é unha tarefa aínda pendente na actualidade. Necesitamos, hoxe, ilustrados coma Sarmiento.

Falabamos da preocupación de Sarmiento polas cuestións pedagóxicas. A curtametraxe de animación A escola das areas (dirixida por Tomás Conde e Virgina Curiá e estreada en 2002 con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Sarmiento) acércanos ao tema:

Sarmiento quería que o cura castelán coñecese a diferenza entre trebellar e traballar do cantar:

O cura e maila criada
xogan aos trebelliños
a criada cai de espaldas
i o cura cai de fuciños

Habituais son os cantares con alusións a curas e “trebelliños”. Ilda Álvarez Macía: O cura e maila criada:

Para saber máis: Frei Martín Sarmiento na ficha da Real Academia Galega.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies