O teatro é un espectáculo baseado na representación da conduta do ser humano. Esta conduta representada, chamada actuación, é realizada por actores.

Por extensión tamén se chama teatro ao edificio onde se realizan representacións teatrais e espectáculos afíns, así como ao repertorio (conxunto de creacións teatrais que se consideran propias dun autor: “o teatro de Vidal Bolaño“), época (“o teatro das Irmandades da Fala) ou país (“o teatro francés”).

O termo provén do grego theatron, nome que recibían as bancadas en forma de hemiciclo desde onde os espectadores contemplaban as representacións teatrais nos anfiteatros gregos. Theatron viría a ser, logo, o “lugar desde onde se mira”. Posteriormente pasou a designar tamén ó espectáculo mesmo e ó lugar destinado a tales espectáculos.

O espectador dunha obra de teatro vive unha ilusión ó ver na escena uns feitos expresados por medio do xesto e das palabras. É a escena como espazo de representación.

Na construción escénica combínanse variadas ordes artificiais: pintura, escultura e arquitectura fundíndose significativamente para potencia-lo espectáculo, mais hai que sumar outras manifestacións:

  • decorativas e icónicas, relacionadas cos obxectos escénicos
  • vestiario, un factor decorativo
  • a luminotecnia, efectos de representación, xogos de voces con funcións diversas: creadores de espazos interiores, destacando perfís, matizando imaxes. Alongan ou acurtan a dimensión da escena; crean efectos de misterio,…
  • a música, intensificadora de aspectos concretos da acción dramática, chegando a adquirir valor autónomo.