A lingua galega e as novas tecnoloxías lingüísticas

Rubén Cela

Dentro do ciclo “Pensando o futuro”, tivemos a oportunidade de escoitar a palestra de Rubén Cela “Intelixencia artificial e novas tecnoloxías lingüísticas: oportunidades para a lingua galega”.

Presentado pola catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña (UDC) Neves Rodríguez Brisaboa, Rubén Cela é economista, foi director xeral de Xuventude e Solidariedade na Vicepresidencia da Xunta de Galicia (2005–2009), concelleiro no Concello de Santiago de Compostela (2011–2019); desde o 2019, traballa na consultoría privada e actualmente é o director da Oficina Técnica do Proxecto Nós, proxecto de tecnoloxías lingüísticas impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Rubén Cela

Nós defínese como un “proxecto inédito en Galicia que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL) tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en lingua galega.

Proxecto NósO obxectivo central do proxecto Nós é promover a presenza dixital do galego, garantindo que a nosa lingua non fique excluída dos novos desenvolvementos TIC, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade que serán postos, de xeito gratuíto, a disposición de calquera institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore o galego. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen a lingua galega.

Como diciamos, Rubén Cela sinalaba entre os obxectivos xerais do proxecto Nós:

Crear os medios dixitais necesarios para que o galego prospere como lingua viva na era dixital.

Desenvolver recursos e ferramentas para o procesamento automático do galego e distribuílos baixo licenzas libres.

Elaborar demostradores que permitan visibilizar as posibilidades dos recursos.

Facilitar que empresas e institucións desenvolvan casos de uso.

Crear un ecosistema galego innovador arredor das tecnoloxías da linguaxe.

Rubén Cela

A transcendencia do proxecto Nós –que a través da USC recibe 2M€ do PERTE Nova Economía da Lingua para o período 2023–2025– é tan grande que, falando da súa importancia, Rubén Cela sinalaba que:

 Vai impedir a morte dixital do galego.

 Maior investimento directo na promoción do galego da historia.

 Ningunha empresa terá escusa en base a que non hai “masa crítica” ou “custes”

 É un proxecto de país. Interinstitucional / Plurianual / Colaboración público– privada real / Asociacionismo / Poboación directa.

 Xa está a axudar a crear investigación e negocio na Galiza en torno ás tecnoloxías da linguaxe.

 Todos os resultados serán en aberto e gratuítos.

 Ten unha menor obsolencia que outro tipo de proxectos tecnolóxicos.

Rubén Cela

O 5 de xuño de 2023 o proxecto Nós lanzaba as tres primeiras ferramentas que posibilitan a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos: o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galiza, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego.

Rubén Cela

Rubén Cela pechaba o ciclo “Pensando o futuro” na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, futuro que para a nosa lingua pasa porque teña presenza dixital e que non quede excluída dos novos desenvolvementos TIC.

Rubén Cela


Manuel Agra

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies