Luís Pimentel, o médico poeta

Non son infrecuentes nas distintas literaturas os casos dos médicos escritores. Dise que o seu contacto con drama da vida humana –nacemento, enfermidades, morte– os converte en observadores privilexiados deses sentimentos. Tamén se fala de que quizais a literatura -escribir- sexa unha vía de escape da que se poida sentir necesitado o médico. Sexa como for, podemos citar bastantes exemplos de médicos escritores. É o caso de António Lobo Antunes, François Rabelais, Antón Chéjov, Arthur Conan Doyle, Guimarães Rosa, Miguel Torga ou Pío Baroja. Na literatura galega, ocorre o mesmo: Eduardo Pondal, Castelao, García-Sabell ou Luís Pimentel compaxinaron –uns máis ca outros, é verdade– a medicina e as letras. Ao último que citabamos –a Pimentel– dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de Luís Pimentel

Luís PimentelLuís Pimentel (Luís Vázquez Fernández-Pimentel) naceu en Lugo o día 18 de decembro de 1895 e morreu na mesma cidade o día 13 de febreiro de 1958. En 1914, inicia os estudos de Medicina en Compostela e en 1922 marcha para Madrid para cursar o doutoramento. Alí coincide cos intelectuais da Xeración do 27: García Lorca, Luís Buñuel, Salvador Dalí ou Pío Baroja. No ano 1927, temos a Pimentel en Lugo e uns anos despois consegue praza de médico no Hospital Municipal.

Como sabemos, as Vangardas galegas escribiron as súas obras nas primeiras décadas do século XX –recordemos que tamén se lles coñece co nome de Xeración do 22 ou do 25–, pois ben, Luís Pimentel, aínda que publicou a maior parte da súa obra na posguerra, a crítica acostuma incluílo dentro das Vangardas, tanto pola súa formación como pola súa concepción da materia poética. O lucense tiña un bo coñecemento de todos os ismos galegos e de fóra. Con todo, a súa poesía é máis ben unha síntese dalgunhas correntes e os seus rexistros poéticos son variados.

Luís PimentelA obra de Luís Pimentel comprende poemas, prosas e teatro en castelán e, en galego, só poemas. No ano 1950, na colección Benito Soto de Pontevedra, publicou Triscos, oito poemas que levaban un prólogo de Ánxel Fole. No ano 1959, postumamente, vía a luz Sombra do aire na herba, con prólogo de Celestino Fernández de la Vega, que foi o organizador do volume. Será en 1981 –ao publicarse Poesía enteira, que recompilaba os textos inéditos–, cando coñezamos os versos do poema “Cunetas”, onde reflicte o horror da guerra.

A crítica considera que Luís Pimentel busca na súa poesía unha expresión voluntariamente sinxela e delicada. Nela predomina o verso libre e a importancia da palabra. O poeta pretende facer unha análise intimista do contorno a través das cousas miúdas e das experiencias que poñen de relevo a dor e a condición humana. A todo isto contribuiría, sen dúbida, o feito que sinalabamos ao inicio: Pimentel era un médico-poeta.

Escolma de Luís Pimentel

CUNETAS

Outra vez, outra vez o terror!
Un dia e outro dia,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher ainda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Docemente chove.
Enviso, arrodeame unha eterna noite.
Xa non terei palabras pra os meus versos.

Desvelado, pola mañá cedo
Baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
Ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabais
bandeiras batidas e esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os dias
hai un home morto na cuneta
que ninguén coñece ainda
Unha muller sobre o cadaver do seu home
Chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
Mais alá da neboa,
Mais alá do mar,
Mais alá da chuvia,
Mais alá do bosque.

XOGO RUÍN

Aquil neno
pincháballe os ollos
ós paxaros;
e gustáballe ver salir
esa gotiña
de aire e de lus,
ise rocío limpio
de mañanciñas frescas.

Logo botábaos
a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
de súa casa,
con un ruido
moi triste.

Crecéu e foi de aquiles.

A ROSALÍA

Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre.
Calemos…
Eu véxote así:
crespós nas estrelas,
ollos abertos de nenos mortos cravados nas salas do pazo

Calemos…
Nos currunchos acendéronse os altares do silenzo;
choiva de frores de estameña nos tristes pasadelos.
Coa túa boca torta chamas a mortos
e náufragos dende a solaina,
antre a brétema, en serán infinda.

Delantal de camposanto e campás antre mar e brétema;
barco negro e morto no camiño;
pómulos marelos deformes pola door;
balcón endexamais aberto cheo de paxaros e follas secas;
seios exprimidos hasta a derradeira gota de luz;
maos antre mirto e lúa, debaixo da auga verde do estanque.

¿Qué fas na serán que está esmorecendo sempre
ou na noite que endexamais se rematará ?
Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de somas, música de pianos enloitados…
(Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo).

CANZÓN PRA QUE UN NENO NON DURMA

Non durmas
meu neno pequeno…
Bule, berra, chora.
Teu pai está fóra.
Racha cos pes
esta sábana
de medo.
Non peches os ollos
neno pequeno.
O vento zoa,
non peches os ollos.
A morte
ronda por fóra.
Vexo o río mouro
e unha folla morta.
Bule, berra, chora.
Teu pai está fóra.

Para saber máis:
Luís Pimentel. Real Academia Galega

O grupo A Quenlla ponlle música ao desacougante poema “Cunetas” de Pimentel:

Víctor Aneiros ponlle música ao poema “Canzón para que un neno non durma”:

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies