Luís Seoane. Día das Artes Galegas 2019

Ilustrador, xornalista, poeta, editor, gravador, avogado laboralista, tipógrafo, panfletista, ceramista, lector voraz, editor de libros, cofundador de entidades culturais, cinéfilo, conferenciante, pintor, narrador, autor de teatro, comentarista radiofónico, ensaísta, mecenas e emprendedor, muralista, grafista, poeta, renovador e crítico…; o intelectual e o activista un a un e todos xuntos son Luís Seoane.

Memorias dun neno labrego

Luís Seoane será o quinto artista, logo do Mestre Mateo (2015), Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018), ao que se lle dedica o Día das Artes Galegas (1 de abril).A Real Academia de Belas Artes así o decidiu escoitando a diversas entidades que o reivindicaron, entre as que se encontra a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Esta é a nosa homenaxe a unha persoa que foi un dos máis importantes artistas plásticos da Galiza contemporánea, que probou fortuna en todos os xéneros literarios e que realizou un importante labor editorial, xornalístico e de promotor cultural.

Luís Seoane ilustrou un dos libros de maior éxito da nosa literatura: Memorias dun neno labrego (1961), de Xosé Neira Vilas.

MariscadorasNa pintura de Luís Seoane ten un lugar destacado a figura feminina. Aparecen mulleres de diferentes ámbitos e condicións sociais. Como non, tamén son constantes as referencias a Galiza –paisaxes, xentes, historia, tradición, costumes–. É o caso do óleo As mariscadoras (1969). O cadro, que está no Museo de Belas Artes da Coruña, representa unha escena exterior na que aparecen catro figuras mariscando, dúas delas en primeiro plano e as outras dúas ao fondo.
______________________________________

A emigrante“Os desterrados temos traballo, teito, pan,
mais vivimos como sombras. É máis forte ca nós
a tenza de terra lonxana onde nos criamos,
e ningún outro amor, nación, fortuna ou éxito
poden apracentar esa saudade.
Quedounos á xente sen patria o corazón
no lugar onde só rin os vencedores
na terra nosa, á que un día voltaremos:
a dos mortos, dos pantasmas, dos vencidos.”
(de Na brétema, Sant-Iago)

Unha persoa que viviu o exilio, por forza, non podía substraerse a tratar dunha maneira destacada o aspecto social. E, así o fixo Luís Seoane. A emigrante (1967) é unha das súas obras máis importantes. Nela denuncia o problema do analfabetismo e da emigración masiva que padecemos os galegos e galegas consecuencia do atraso e opresión franquista.
______________________________________

A LUÍS SEOANE LÓPEZ DEDICA A REAL ACADEMIA DE BELAS ARTES O DÍA DAS ARTES GALEGAS 2019

Cartaz para o EstatutoLuís Seoane naceu o día 1 de xuño de 1910 en Bos Aires. Era fillo de emigrantes galegos dedicados ao comercio. Cando apenas Luís tiña seis anos, a familia regresa a Galiza, primeiro á Coruña e logo a Santiago de Compostela, onde Seoane cursa a carreira de Dereito. Nesta cidade, involúcrase no movemento estudantil e político que loitaba pola República e polo Estatuto de Autonomía para Galiza. De Seoane é o cartel para a campaña do Estatuto de Autonomía, deseñado en 1936.

En Compostela, entra en contacto con Ánxel Casal e a súa Editorial Nós. Para ela realiza Seoane as súas primeiras composicións gráficas e ilustracións, concretamente, entre outros, para libros de poesía de Cunqueiro.

A súa ideoloxía, galeguista de esquerdas, levarao a militar activamente no Partido Galeguista e, coa chegada da Guerra Civil, vese obrigado a exiliarse en Bos Aires. Nesta cidade, Seoane desenvolve unha intensa actividade cultural, chegando a ser unha figura principal na historia da edición: colabora coa Editorial Losada, crea a Editorial Nova (1942), Botella al Mar (1947), Citania (1957).

En 1968, con Díaz Pardo, Luís Seoane funda o Laboratorio de Formas, que pretende a recuperación da Cerámica de Sargadelos, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e a editorial Edicións do Castro.

Festival CélticoA estética celta –de espirais e círculos– ten en Luís Seoane un dos seus pioneiros. Del é o cartel do Festival Céltico de 1964.

A crítica sitúa a Luís Seoane dentro da xeración Os Novos ou Os Renovadores. Serían artistas nados arredor de 1900 e que renovaron a arte que se facía en Galiza ata a súa chegada. Compañeiros de xeración serían: Colmeiro, Laxeiro, Maside ou Arturo Souto. Seoane incorporou á súa obra as tendencias vangardistas de Picasso, Leger, Matisse e Paul Klee.

Para Luís Seoane, a arte ten que estar vinculada á realidade da época e debe ter utilidade social: ten que remover conciencias.

Mesturar a raíz galega da súa pintura coa universalidade da súa arte é a grande orixinalidade de Luís Seoane.

______________________________________

A maior abondamento“Na Galiza, ise vello pobo,
carballo carcomido de raios e bestigos,
loita, dende fai séculos,
o home cas ratas.”
(de A maior abondamento, 1972)

No tocante á obra literaria de Luís Seoane, cómpre dicir que é unha das figuras principais da nosa literatura do exilio. Aínda que tocou todos os xéneros, será na poesía onde acade os maiores logros. A súa obra Fardel de eisiliado (1952) significa o arranque da poesía socialrealista. Podemos dicir que os versos de Seoane están cheos de forza e paixón comunicativa. O tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes é unha das súas preocupacións.

Aquí podes ver e descargar o tríptico en formato PDF que fixemos para conmemorar a celebración.

Fullscreen Mode

2 Comments

  1. Ramón Coira Luaces 31 Marzo, 2019 Responder
  2. Ramón Coira Luaces 31 Marzo, 2019 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies