Luísa collería a pancarta

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,

se os nosos soños son igoales,

coma un irmáu che falo.

(Celso Emilio Ferreiro)

  

Por iso pido a paz

pido a paz e un estado popular

para o pobo pobre

débil coma min en Palestina.

(Luísa Villalta)

Concentración pro palestina

Desde hai meses, organizadas por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin e BDS (Boicot, Desenvestimentos e Sancións), véñense celebrando concentracións de apoio e solidariedade con Palestina en diversas localidades de Galiza.

Solidaria e comprometida coas causas xustas, sen dúbida, Luísa Villalta participaría nestas concentracións.

No ano 1989, un grupo de trinta e un autores publica –Editado pola Fundación Araguaney–, Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina. Os autores desta primeira edición eran: Antón Reixa, Bernardino Graña, Carlos Feáns, Cesáreo Sánchez Iglesias, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, Lino Braxe, Lois Diéguez, Luis González Tosar, Manuel Forcadela, Manuel Guede Oliva, Manuel María, Manuel Pereira Valcárcel, Xosé Neira, Mª do Carme Kruchenberg, Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Mato, Pilar Pallarés, Ramiro Fonte, Uxío Novoneyra, Vicente Araguas, Xavier Rodríguez Barrio, Xavier Seoane, Xela Arias, X. Antón L. Dobao, Xosé Lois García, X. L. Méndez Ferrín, Xosé María Costa e Xulio L. Valcárcel.

No 2003, unha nova edición inclúe outros 25 autores: Alfonso Pexegueiro, Antonio García Teijeiro, Chus Pato, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Fermín Bouza, Fran Alonso, Francisco X. Fernández Naval, Ghaleb Jaber Ibrahim, Gonzalo Navaza, Helena Villar , Luísa Villalta, Maite Dono, María do Cebreiro, Marica do Campo, Marilar Aleixandre, Minchy Jaber, Miro Villar, Modesto Fraga, Rafa Villar, Salvador García Bodaño, Ursula Heinze de Lorenzo, Xesús Rábade Paredes, Xosé Carlos Caneiro e Yolanda Castaño.

Convocatoria manifestacion pro-palestina

O poema de Luísa Villalta era o titulado “Debilidade”:

Porque non son soldado nen suicida,

confeso que son débil

e que na miña debilidade

vin os ollos da morte,

e tiñan o teu nome, Xerusalén,

un nome amurallado pola destrución.

 

Confeso que son débil

e que vivo ofuscada polo vicio da razón

que me fai ensoñar un mundo poderoso de xustiza

empezando pola miña propria rúa

e que teño o delirio imperialista

de querer chegar a dominar os que dominan

e denunciar como se esconden por detrás do muro

onde non lamentan nada

porque a dor non lles pertence.

 

O meu pracer é insultar os seus disparos virtuosos

e maldicer a súa epopea triunfal

consistente en non deixar medrar os nenos

que condenaron a vagar xa para sempre

entre os entullos mesturados cos cadáveres.

Ante a miña blasfemia, como en eco,

ouvín queixarse os deuses,

afeitos a eses templos suntuosos,

torcidos de dor nas cabezas como a miña

embotadas polo afán de liberdade

pedindo non ser tan cruelmente ameazados pola paz

que se avista cabalgando na razón e na esperanza

cada día en que se clama pola paz,

cada vez que o día estoupa.

 

Hai ainda tantos nenos esperando turno para non nacer

que se agolpan entre as pedras

mentres a voz dun deus escravo

envia lexións de anxos coas botas da milicia enfurecida

repartindo os naipes do seu proprio temor.

 

E eu confeso que son débil,

que son moito máis débil que o odio

máis débil que a pobreza ante a riqueza inegociábel

máis estraña que o hábito vencido da represión

Por iso pido a paz

pido a paz e un estado popular

para o pobo pobre

débil coma min en Palestina.

flotilla da liberdade

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies