Luísa Villalta: coa Cidade Alta (do Norte) tatuada nos ollos

Luísa VillaltaUnha das autoras imprescindibles –e non sempre ben coñecida e recoñecida– no último cuarto do século XX é Luísa Villalta. A ela dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe, esperando que un día a súa voz e o seu recoñecemento chegue a toda Galiza, terra coa que ela estaba tan comprometida.

Vida e obra de Luísa Villalta

Luísa Villalta naceu na Coruña o día 15 de xullo de 1957:

O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas
e a serpe demorada na voz dos meus avós
vento dos ventos.

Ela coñecía, amaba e nomeaba a cidade, a súa cidade, A Cidade do Norte –o mar, o vento, os barrios e a xente:

Nada deixa o vento e nembargantes amo
este Cidade tatuada na pétrea pel do mar

Unha cidade que é final de traxecto:

Onde nós nunca pasan os trens
Só chegan ou parten
Por iso tamén somos nós
a nosa última estación
o noso amor definitivo

E, unha cidade á que ela se encarga de poñerlle a roupa:

Hoxe vestín a Cidade como todos os días
e saín polas rúas procurando un abrigo

Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, Luísa Villalta escribiu e amou a poesía. Libros seus son: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), Apresados sen présa (2002), Estudo das sombras (2002), Modulación de Orfeu (2002), En concreto (2004) e Papagaio (2006). Como diciamos, Luísa amaba a poesía:

Acabarei por facer do poema a biografia,
atar os dias a xeito de tercetos encadeados
e espetar-lle ao mundo que si, que é posíbel
viver como vive a poesia, voar de aqui a alá
nalgo tan sutil e ao mesmo tempo tan exacto.

 

Isto é poesia, un ruido provocado.
Non ornamento, arabesco para as pontas dos dedos:
inecesários encaixes para a alma dormir ou sentir
a levedeza da onda cando apenas chega a romper.
Provocación de boca con fame, isto.
E a fame adormece
ou reclama.
Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel
do mundo: un tambor que desperta. A pel estremece-se
porque recoñece a morte que baila fóra da tumba.
Isto é tamén unha muller que resiste

Luísa Villalta - MúsicaLuísa Villalta, que exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega, tamén amaba a música. Titulada superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. Igualmente, escribiu sobre a música:

A música é sempre presente. Non cabe situala en nengunha outra coordenada temporal nen espacial que non sexa o aquí e agora. Certo é que podemos lembrar unha melodía, unha obra, un estilo musical, pero calquer fragmento, calquer detalle sonoro, mesmo lembrado, volve ser, aínda sen sonido, presente de novo…cando en 1916 as Irmandades da Fala adoptan a palabra «nación» para definir Galiza e, nun seguinte paso de determinación de horizontes, en 1918, proclaman en Lugo «a soberanía estética da Nazón Galega», encontran, no referente á música, parte do traballo feito na xa prestixiosa expresión acuñada e cultivada desde había máis de meio século: o nacionalismo musical…cómpre recoñecer como galega toda música producida en Galiza, sen esquecer que, entendida a música como código sonoro perceptíbel, intelixíbel e interpretábel, esta definición comprende ademais, no seu sentido máis primixenio, a que podemos considerar, esa si, a nosa única música xenuína e incontrovertíbel: a nosa propria lingua, esa melodía peculiar, o ritmo con que medimos o noso presente.

Luísa Villalta foi unha persoa sensible e comprometida con Galiza, coa súa cidade e coa súa xente. A demolición do barrio coruñés do Papagaio, en marzo de 2001, non a deixou indiferente e a el dedica os seus versos:

Subía o verán as escadas entre as pernas abertas da Cidade.
O trolebús asmático agatuñaba a encosta de Panadeiras
até trousar algún vello solteiro, putañeiro sen tasa,
fronte á Farmacia, no Campo da Leña.
O ceu, marco azul para o perdón, ascendía baixo palio,
como un ditador santificado nos seus crimes,
o empedrado da rúa do Hospital
desde o mar Orzán, orixe da escuma ou seme vital,
cara ao carmín proibido do sexo das señoritas,
sempre a flor de labio -boca, lingua, gorxa, o máis adentro posíbel-.
O Papagaio mudo, caído entre as flores das meias verdades
tinxía de cores charramangueiras
os dous lados do simulacro.
Os anos cincuenta de calquer século:
unha porta verde na cronoloxía repintada,
unha vez tras outra, da esperanza.

Luísa Villalta tamén escribiu teatro. Obras súas son: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). Ademais da súa faceta como poeta e dramaturga, escribiu narrativa, ensaio e textos xornalísticos. Desenvolveu unha intensa actividade cultural: participou en recitais de poesía, en seminarios e impartiu conferencias.

Luísa Villalta deixounos prematuramente. Falecía na Coruña o día 6 de marzo de 2004. Tiña, pois, 46 anos. Por diante temos o labor de dar a coñecer e recoñecer unha voz que tan ben soubo comprender e reflectir a súa cidade e a súa terra.

Para saber máis sobre Luísa Villalta:

Encontro c@s amig@s arredor de Luísa Villalta:

Música e poesía en Luísa Villalta:

Recital poético arredor de Luísa Villalta:

Presentación do libro: Luísa Villalta. Obra dramática completa.

Luísa Villalta: paixón e compromiso:

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies