Luz Pozo Garza: a poesía, o gran milagre do mundo

Luz Pozo Garza

“¡A poesía é gran milagre do mundo!

(Luís Pimentel)

A poesía e as poetas manteñen erguida a bandeira da esperanza mesmo en tempos difíciles. Tiña razón o médico–poeta de Lugo:

O poeta é un mestre sin ira.

Levareite ó meu reino,

onde te agarda

a bandeira da espranza.

Exposición Nós somos Elas

A primavera –o mes de abril– ás veces non loce todo o radiante e esplendoroso que cabía esperar. O do ano 2020 non será recordado precisamente como o máis luminoso das nosas vidas. Parece que non lle acaen os versos iniciais do poema de Rosalía:

Nasin cand’ as prantas nasen,

No mes das froles nasin,

Nunh’ alborada mainíña,

Nunh’ alborada d’ abril.

Mural sanitarios e covid

Abril de 2020 ten máis que ver cos outros versos do mesmo poema de Rosalía:

Duro crabo me encrabaches

Con ese teu maldesir,

Con ese teu pedir tolo

Que non sei que quer de min.

Confinados nas nosas casas pola pandemia, o 20 de abril de 2020 recibiamos a triste noticia do falecemento na Coruña de Luz Pozo Garza. Definitivamente, non era a primavera e o abril que esperabamos e desexabamos.

Como poeta, como ensaísta ou crítica literaria, a aportación de Luz Pozo á nosa cultura é incalculable. Se como dicía Pimentel, a poesía é o gran milagre do mundo, Luz Pozo deixa –deixounos– un ronsel de milagres nos seus 97 anos de vida.

Nada en Ribadeo en 1922, fixo protagonista de parte da súa obra –de poesía e ensaio– a Rosalía de Castro:

 Campanas de Bastabales,

tocade por rosalía.

Tocade.

 

Xa non chove miudiño.

Xa non choven orballadas.

Choven negras soedades.

Chorade por rosalía.

Chorade.

Monumento a Rosalía de Castro

Encadrada pola crítica na chamada Promoción de Enlace, a poesía de Luz Pozo é intimista e intensa. Deixounos títulos fundamentais da nosa literatura contemporánea.

Follas e lapis

En 1981 publicou Concerto de outono. Nel hai poemas dedicados a Rosalía:

Hai unha voz

Chámase Rosalía

Sete letras de laio

Saudade

dunha fala ferida

 

Esperanza dun mundo

que inda fica nun berro

de liberdade

Hai unha voz

A súa

Benzoada

Rúa de Compostela

En 1986 publicaba Códice Calixtino. Nel a crítica recoñece os trazos do estilo da autora: o tratamento en clave simbólica do material íntimo, o testemuño histórico e a elegancia formal:

Querería saber daquel río esvaído do soño

tal unha despedida sen retorno,

do silencio curvado nunha praza deserta e antiga.

 

¿Onde vai o primeiro poema de amor

a materia sonora dun blues fuxidío

a inocencia primeira?

Mariña da Coruña

En 1992 Luz Pozo pública Prometo a flor de loto. A crítica fala da necesidade de Luz de albiscar un novo xeito de diálogo co compañeiro desaparecido, o poeta Eduardo Moreiras:

Xúntanse as mans nunha pregaria

e os labios fuxidíos respiran o misterio da luz

A súa potestade sobrehumana

Pupitre

Se como poeta Luz Pozo aportou obras fundamentais á literatura galega, o seu labor docente como profesora de ensino secundario tamén foi extenso. Seguro que lles transmitiu aos seus alumnos e alumnas a idea de que a poesía é o gran milagre do mundo.

Para saber máis: Ficha de Luz Pozo en A Coruña das Mulleres.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies