Máis Alá!, o manifesto das vangardas galegas

Manuel Antonio

Manuel Antonio

Os movementos de vangarda, no primeiro terzo do século XX, propoñían unha ruptura formal e temática co que se viña facendo, unha renovación artística en todos os campos. Para expresar as súas ideas estéticas, estes movementos vangardistas utilizaron un subxénero literario denominado manifesto. Características deste subxénero son o uso da provocación e o intento de impactar coa linguaxe para sinalar a necesidade de romper coa tradición e de crear unha nova arte, así como facer un chamamento a seguir os seus pasos.

O 28 de xuño do ano 1922 Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930) redactaba o manifesto Máis Alá! coa leve colaboración do debuxante Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956). Escrito en galego e coa tradución ao francés e ao inglés, comezan a súa difusión enviándoo a revistas francesas, italianas e checoslovacas, tamén a unha norteamericana e a unha holandesa.

Os estudosos sinalan que a orixinalidade deste manifesto xuvenil, debedor da tradición de manifestos franceses e ingleses, radica en que non se adscribe a ningún movemento concreto e tamén no seu compromiso político: defensa da lingua, proxecto republicano e loita política.

A continuación analizamos brevemente algún dos aspectos do contido do manifesto Máis Alá!, comezando pola defensa intransixente que fan da lingua galega, sen ningunha concesión. Un galego persoal e sen ataduras normativas, unha lingua nova:

“comezamos pola máis agresiva intransixencia na Fala… Unha fala que non estea pervertida por académicos nin puristas… Pero hai unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a calquera outra, é unha forma do suicidio… Esta nosa exaltación do Verbo tamén quer dicir algo aos vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbridos, bilingües queremos dicir, que fai da literatura algo así como un deporte que favorece a a dixestión, arracada o galego cada vez que quer dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán para cando coidan (eles) que están en razón.”

O obxectivo do manifesto é facer unha crítica do pasado e das tendencias anteriores:

“Nós tentamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos.”

E, para iso diferencian entre os vellos e os devanceiros:

“Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos –aqueles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos.”

Álvaro Cebreiro

Álvaro Cebreiro

Hai unha crítica para os seguidores dos devanceiros que non aportan nada novo. Están en contra da literatura de temática rural que invadía todos os escritores da época. Tampouco os escritores consagrados se libran da crítica. Agradécenlles aos devanceiros do Rexurdimento a súa intención, o seu patriotismo, pero desprezan os seus resultados estéticos e literarios.

Falabamos de críticas do pasado pero tamén hai duras críticas ao presente e as tendencias. Así non lles perdoan aos seguidores de Valle-Inclán o uso do castelán para os seus escritos. Nun apartado titulado “Pollitos bien” sinalan:

“Comezaremos invocando a Valle-Inclán… Mestre: Chamámoslle mestre por ser vostede maestro da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa covardía do débil que tan só pode vivir facendo claudicantes concesión ao forte.”

Nun apartado titulado “Tamén hai outros”, sinalan que hai escritores válidos, pero exprésanse en castelán, por iso lles recomendan que cambien:

“Hai os que teñen algún valor e desménteno expresándose en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Estranxeira por estranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta.”

Falabamos ao principio da orixinalidade do manifesto por non adscribirse a ningunha corrente concreta:

“Despois de ter dito que non traemos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estarnos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética… Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camiño determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: todos os outros camiños poden ser nosos… A Novidade que enxerguemos é tan só un arredamento, un ceibamento do pasado sen a definición do seu resultado: isto é arbitrariamente persoal.”

Logo de considerarse a “xeración que medra ao acougo das Irmandades Nacionalistas”, acaba o manifesto Máis Alá! cun chamamento á Mocidade!, no que repite os temas e vai concluíndo:

“Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.

Se queredes liberarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes facervos donos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos.

Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos, e afrontar nela unha peregrinación sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: Máis alá!

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies