Marcela e Elisa na Coruña – Paseos en agosto XIX

Igresa de San Xurxo

Na igrexa parroquial de San Xurxo da Coruña –preto da praza de María Pita – casaron as mestras Marcela Gracias Ibeas e Elisa Sánchez Loriga. Eran as sete da mañá do día 8 de xuño de 1901. Que se teña constancia, era o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo no Estado.

Interior da igrexa de San Xurxo

Para poder levar a cabo a cerimonia, Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina. Ao final, terminouse descubrindo a situación e o matrimonio pasou a ser coñecido como o “matrimonio sen home”. Marcela e Elisa foron portada de xornais galegos e madrileños, excomungadas, perderon o emprego e foron detidas. Finalmente, tras ser postas en liberdade, acabaron fuxindo a Bos Aires.

"A Normal" - A Coruña

Marcela e Elisa coñecéronse cando estudaban na Escola Normal de Mestras da Coruña. Inda que os pais de Marcela enviaron a súa filla a Madrid, ao acabar a carreira, Marcela e Elisa volveron atoparse como mestras, unha en Calo (Vimianzo) e a outra en Couso (Coristanco).

A historia de Marcela e Elisa é para algúns un dos feitos máis significativos relacionados coa loita feminista en Galiza. Os feitos recólleos Narciso de Gabriel no libro Elisa e Marcela. Alén dos homes (2008). No 2017, a compañía de teatro A Panadaría coproduciu co Centro Dramático Galego e os concellos de Rianxo, Vimianzo e A Coruña a obra Elisa e Marcela, que narra a historia delas. Tamén, no 2019, Isabel Coixet dirixiu o filme Marcela y Elisa.

Placa da rúa Marcela e Elisa

Desde o 2018, unha das rúas da cidade da Coruña leva o nome de Marcela e Elisa.

Rúa Marcela e Elisa

Na zona de San Roque de Fóra da Coruña, está a rúa – desde a que se ve o mar e a Torre – que homenaxea a esta parella que tanto loitou por poder expresar o seu amor en liberdade.

Promo do espectáculo teatral Elisa e Marcela de A Panadaría.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies