María Balteira: famosa e descoñecida, criticada e admirada

Se hai unha persoa que ao longo dos séculos inspirarse a escritores –poetas e narradores– esa foi María Balteira. Da Idade Media ao nosos días o seu nome seduciu a todo tipo de creadores. A ela e á obra creada arredor dela dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de María Balteira

María BalteiraA imprecisa vida da nosa protagonista mantense a cabalo da historia, da lenda e da literatura. O que sabemos de María Balteira debémosllelo ás cantigas de escarnio medievais que dez trobadores lle dedican, entre os que están Pedro Amigo de Sevilla, Pedro de Ambroa, Pero da Ponte e o mesmo Afonso X. María Pérez, a Balteira, sería unha soldadeira –a máis famosa–: mulleres adscritas á corte e que terían o oficio de cantar e bailar recibindo, a cambio, unha soldada, de aí o nome. No Cancioneiro da Ajuda hai ilustracións que as representan danzando, tocando as castañetas ou o pandeiro.

As cantigas de escarnio medievais debuxan da Balteira o que a crítica deu en chamar un anti-retrato ou retrato descortés. María Balteira segundo os textos a ela dedicados encarnaría todos os vicios e transgresións da época: xuraba, competía en xogos cos homes, xogaba de dados, libre en xacer con cregos ou xograres, supersticiosa… A visión que se nos dá dela –non se nos di nada das súas habilidades artísticas– corresponde ao imaxinario masculino da época, evidentemente, cheo de prexuízos machistas. De familia fidalga, sabemos que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Tamén, que participou nunha cruzada a mediados do século XIII:

Maria Pérez, a nossa cruzada 

quando veo da terra d’ Ultramar, 

assi veo de pardon carregada 

que se non podia con el en erger; 

mais furtan-lho, cada u vai maer, 

e do perdon já non lhi ficou nada. 

 

E o perdon é cousa mui preçada 

e que se devia muit’a guardar; 

mais ela non á maeta ferrada 

en que o guarde, nena pod’aver, 

ca, pois o cadead’en foi perder, 

sempr’a maeta andou descadeada. 

 

Tal maeta como será guardade, 

pois rapaces albergan no logar, 

que non aja seer mui trastornada? 

Ca, o logar u eles an poder, 

non á pardon que s’i possa asconder, 

assi saben trastornar a pousada. 

 

E outra cousa vos quero dizer: 

atal pardon ben se dev’a perder, 

ca muito foi cousa mal gaa[nha]da

(Pero da Ponte)

Como diciamos poucos datos obxectivos temos de María Balteira. Martínez Salazar fala dun documento de 1257 no que  “dona María Pérez cede unha rica herdade da súa nai aos monxes cistercienses de Sobrado, a cambio dunha renda vitalicia que ha cobrar na súa casa de Armeá” (Coirós-A Coruña).

Se na Idade Media eran varios os autores que lle cantaban a María Balteira, a fama desta soldadeira chegou ata a literatura do noso tempo. Vese nela un aire de liberdade e transgresión das ríxidas normas do machista sistema patriarcal. En 1944, Lorenzo Varela –escritor do exilio– publicaba Catro poemas galegos para catro grabados. Un dos poemas estaba dedicado a María Balteira:

Loubar eu loubara, María Balteira, 

túa saia leda, 

que a carón da morte, ó vela na danza 

semellando pombas redor dun pombal, 

facía que aqueles barbudos sorriran. 

Aqueles labregos da morte guerreira, 

carballos antergos, varós desta terra, 

destes pobos todos que chaman España, 

desde aqueles tempos que a tallou a espada.

 

Loubar eu loubara, María Balteira, 

túa saia leda, 

tan leda que tola á xente deixabas, 

d’amores sin prendas:

peitos de folía, nin moeda moura, 

nin prenda d’amor nin prenda de conta. 

Mala perdedora, boa bailadora 

co lume nos ollos i o aire nos pés,

¡e nas maos a lúa a facer lilailas,

lixeiras gaivotas, ladroas amadas!

 

O cabrón do inferno, María Balteira, 

cando veu a España, 

por xogar contigo perdeu a soldada. 

¡Por ganalo a él perdeches a ialma!

 

¡Loubar eu loubara, María Balteira, 

túa saia leda!

Eu loubar loubara, si os cás dos xograres 

que ti desamaras,

vindo da fronteira non me dentellaran 

no peito as loubanzas:

¡Ley de xograría me chama a silencio! 

Si non fora aquelo de xogar co demo, 

e partir o viño con tantos meleiros, 

faría tensón cos meus compañeiros, 

María Balteira. Ti sábelo, eu sei, 

que loubar loubara túa saia sin lei. 

¡Túa saia leda

que non loubarei! 

Túa saia leda 

que non loubarán:

con frior de seda 

e quentor de lan.

En 1953, Xosé María Álvarez Blázquez –grande coñecedor da nosa literatura medieval– publica o Cancioneiro de Monfero. Como non podía ser doutra forma, nel hai tamén un poema dedicado a María Balteira:

María Balteira, da saya çintada,

foy por guanhar mui boa soldada

ena sazón que se fezo cruzada.

        Por én, bailemos aquesta bailada.

 

Pero d’Ambroa quis [guanhar] perdón

e logo lli deron Bal[teira] per don,

porque tragese levado o pendón.

      Por én, bailemos aqueste bóo son.

 

[María] Balteira e Pero d’Ambroa

[foron] guanhar perdón e coroa,

que mui mais valen que vinho e boroa.

      Por én, bailemos bailada mui boa.

 

Pero d’Ambroa e María Balteira

punhan agora pela deanteira

et per cousir quen chus se marteira.

      Por én, bailemos bailada legeyra.

Acercándonos máis aos nosos días, en 1978, Manuel María publicaba O libro das baladas. Nel, hai unha “Balada pra María Balteira”:

María Balteira, dona das sorrisas,

que reinaches sobre versos de amor,

ouh miña señor corpo delgado:

amores hei baixo as abelairas.

No teu corazón de mel gardache

saloucos namorados feitos dun roxo,

doce e queimante lume abrasador:

quen fía e tece ben lle parece.

 

María Balteira, dona de orballo,

flor galega e románica que abriche

o teu recendo de gracia e de beleza

coa mesma naturalidade que abre

os seus ollos a alba namorada,

miña señora do corpo ben tallado

como a cerva que vai á auga fría:

quen fía e tece ben lle parece.

 

María Balteira, dona da primaveira,

orballo que non mata a nosa sede,

trigo que non acala a nosa fame,

cunca de viño en tódalas pousadas,

árbore que dá sombra ó camiñante

ouh miña señor corpo belido, leda

e lixeira como as ondas do mar:

quen fía e tece ben lle parece.

 

María Balteira, dona das estrelas,

ría que nunca deixa de correr,

chío de cotovía, voz de reiseñor,

fonte gustosa e benfeitora,

ronsel de resprandores e de lúas,

ouh miña señor corpo xentil, doado

e cimbreante como un bimbio:

quen fía e tece ben lle parece.

 

María Balteira, dona das mapoulas,

dos maios doces cando están as rosas

en sazón, sorpresa sempre renovada,

camiño endexamáis andado, muller

e pomba ventureira, xograresa

ouh miña señor corpo fermoso con

recendor a terra i a misterio:

quen fía e tece ben lle parece.

 

María Balteira, dona do segredo,

da pregunta nunca respostada.

María das cantigas de escarño:

quen fía e tece ben lle parece.

Finalizamos este percorrido cos versos doutro poeta da Terra Chá, Darío Xohán Cabana. Tamén el lle cantou a María Balteira:

María Balteira,

señora do sol,

onde van os tempos

de arelas de amor.

 

Onde van os tempos,

u-los días son

dos pinchacarneiros

nos prados en flor.

 

Señora da saia leda

e do refaixo garzón,

u-las gaitas cantadoras

de bailar arroutador.

 

Señora percorredora

dos camiños da nación,

ulas as harpas bringuelas

coma paxaros de amor.

 

Señora desvergonzada,

digna de todo louvor,

u-los reis e cabaleiros

que andaban ó teu redor.

 

Os camiños dos xograres

xa son camiños de dor,

e non resoa nas feiras

a túa leda canción.

 

Xa non se escoitan na terra

as coplas do seu louvor,

e os amenceres son tristes,

e harpas non hai no solpor.

 

A pedra fría te cobre

no último soño traidor,

e talvez sobre ti medra

malva de triste color.

 

Os teus amigos son cinza

e o teu sorrir é remol,

os teus camiños cegaron

e os teus amores son po.

 

Mais a túa lingua de carne

pervive na nosa voz,

e algún día escoitaremos

o cantar do reiseñor.

 

Paxaro que canta á noite

antes que saia lo albor

cantigas de tempo novo

pra unha Compostela en flor.

 

María Balteira,

señora do amor,

han chegar os tempos

do abrente do sol.

A vida e a fama –que se mantivo ao longo dos séculos– de María Balteira non só seduciu a poetas senón tamén a narradores e músicos. Aos anteriores versos de Darío Xohán Cabana púxolles afortunada música o grupo A Quenlla:

Para saber máis de María Balteira: Ficha de María Balteira no álbum de mulleres de Consello da Cultura Galega.

Escolma de textos: María Pérez, Balteira, ou, María Balteira na Literatura medieval. Editado pola comisión de igualdade do Consello da Cultura Galega.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies