María Casares na Coruña – Paseos en agosto XXIX

Casa museo Santiago Casares

Nesta casa –número 12 da rúa Panadeiras– da Coruña naceu a actriz María Casares en 1922. Filla do avogado e político Santiago Casares Quiroga –foi ministro da II República Española durante o goberno de Azaña–, María Victoria Casares Pérez triunfou en Francia como actriz, onde residía como exiliada. Tiña 14 anos cando chegou a París en 1936 acompañando o seu pai ao exilio, tras o Golpe de Estado dese ano.

Patio interior da Casa Museo Santiago Casares

Tras entrar no Conservatorio de París en 1941, o primeiro papel profesional foi na obra A Celestina.

María Casares - exposición

María Casares representou obras de Albert Camus –con quen mantivo unha relación– , de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, converténdose en musa do existencialismo francés.

María Casares na Casa Museo Santiago Casares

En 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular (TNP), compañía pública cunha forte preocupación social.

María Casares na Casa Museo Santiago Casares

María Casares tamén foi actriz de cine onde chegou a ser moi popular, aínda que en España era silenciada.

Fachada da Casa Museo Santiago Casares

Na actualidade, a casa da rúa Panadeiras –espoliada tras o Golpe de Estado de 1936– onde viviu María Casares e o seu pai –que fora presidente da II República Española– está convertida en Casa Museo Casares Quiroga.

Entrada á Casa Museo Santiago Casares

Desde 1997, a Asociación de Actores e Actrices de Galiza entrega os Premios María Casares. A gala ten lugar no teatro Rosalía de Castro da Coruña, en datas próximas ao Día Mundial do Teatro, 27 de marzo.

Por outro lado, hai voces que piden que o Teatro Colón da Coruña pase a denominarse María Casares como homenaxe á actriz galega con máis éxito internacional.

Placa da rúa María Casares

Ademais dun Instituto de Ensino Secundario de Oleiros, unha rúa da Coruña –pola zona de Elviña– leva o nome de María Casares.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies