Mateo, a maxia e a república galega

Epifanía de Santa María do Campo da Coruña circa 1260. Foto: Carmela Galego

Epifanía de Santa María do Campo da Coruña circa 1260. Foto: Carmela Galego

Epifanía do coro pétreo compostelá do Mestre Mateo

Epifanía do coro pétreo compostelá do Mestre Mateo. Debuxo Alejandro Barral baixo asesoría de Otero Túñez e Yzquierdo Perrín en El coro del Maestro Mateo Fund. Barrié de la Maza, 1990. Foto: Carmela Galego.

Que Galiza foi un Reino é algo que hoxe non ofrece dúbida. En realidade o primeiro reino medieval do que sería o xerme dunha Europa que no seu occidente estaba a piques de ver a caída do imperio romano. As estruturas do poder e a territorialidade estaban mudando e unha nova relixión, oficial desde había poucas décadas, estaba collendo unha forza que no noso Finisterrae ía deixar a súa pegada na forma da arte máis excelente.

Relevo dos cabalos

Relevo dos cabalos, única peza que se conserva do conxunto da Epifanía mateana. Foto: Carmela Galego.

Pode que a República Galega aínda sexa un soño, pero configurándoa faríamos ben en non renunciar a algunhas cuestións monárquicas. A tradición do día de Reis, por exemplo. Dos Reis Magos, que en realidade de monarcas tiñan máis ben nada, pero maxia moita, maxia da sabia, da que pode interpretar o que din os astros. Astros que nos orientan até Belén ou até Compostela. Hai que recoñecer que nesta cuestión en oriente había moita sabedoría e isto é o que recollen os evanxeos. Os evanxeos apócrifos, sobre todo, porque dos canónicos só Mateo menciona a estes Magos que viñan desde oriente seguindo unha estrela. Os Magos de Oriente, os primeiros peregrinos do cristianismo. Unha cuestión que debía ter bastante clara outro Mateo, o mestre que rozando o protogótico estilo 1200 deixa na portada principal do coro pétreo compostelán uns relevos coa adoración dos Magos. Os primeiros peregrinos do cristianismo dándolle a benvida ás persoas que chegaban ao que nese momento era un dos principais focos de atracción: a catedral de Santiago de Compostela.

A epifanía convertérase nunha peza moi apreciada e replicada no noso territorio, símbolo da Galiza cosmopolita que acolle ao viaxeiro. Símbolo da elocuencia do poder na arte do cénit da chamada Era Compostelá. Que Galiza foi un Reino é algo que hoxe non ofrece dúbida e cando Galiza sexa república haberá símbolos que merecerán seguir sendo celebrados, como eses Reis, que en realidade eran Magos con coroa..

Carmela Galego

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies