Mercedes Romero Abella. Mullere(es) de palabra

 

Con María Miramontes comezamos unha colección que titulamos MULLER(ES) DE PALABRA para axudar a rescatar do esquecemento a mulleres de pensamento e de acción, mulleres singulares que traballaron polo progreso, pola igualdade, pola mellora de Galiza e de cada unha das galegas e galegos. O número dous desa colección foi dedicado a Mercedes Romero Abella, o número tres a Amparo López Jean, virá logo Elvira Bao Maceiras… Comezamos esta colección con mulleres que apostaron pola educación e a cultura como ferramenta para a igualdade e o progreso. Logo do golpe de estado de xullo de 1936 a represión foi especialmente dura coas mestras. Represariadas non só por ser socialistas, galeguistas, republicanas… senón, fundamentalmente, por representar un modelo de muller libre contrario ao ideal de muller que buscaba impoñer o franquismo.

Mercedes RomeroMercedes Romero Abella naceu en Cee (A Coruña) en finais do mes de xuño de 1907. O seu pai, Manuel Romero, traballaba como fotógrafo na veciña vila de Corcubión, onde vivirá a familia durante os primeiros anos de vida de Mercedes. Sendo moi nova, concretamente en 1922, deslocouse á Coruña: Mercedes quería ser mestra.

Así, estudará na Escola Normal do Maxisterio da cidade herculina ao longo dos anos 20, igual que xa fixera a súa irmá, Rosario, mestra de Arteixo. A Coruña, berce do republicanismo mesmo en tempos monárquicos, fora sempre unha cidade progresista. As organizacións culturais, políticas e obreiras agromaban e espallaban as súas ideas a pesar do contexto da ditadura do Xeneral Primo de Rivera. Probablemente este ambiente de fervedoiro de ideas callara nunha muller de por si inqueda.

Xa co seu título debaixo do brazo, un feixe de ilusións e os 20 anos sen cumprir, comezará unha nova etapa exercendo como mestra naquela Galiza a cabalo da década dos 20 e dos 30. Era 1926 e as condicións para as mestras, sobre todo no rural galego, non eran doadas. A escola da Pastoriza (Lugo), en que Mercedes tiña a súa praza, era un bo exemplo. Porén, a súa vocación era máis forte cás contrariedades e, a pesar de enfermar, non se rendeu e solicitou o traslado no seguinte concurso. Así, encontrámola en 1933 na escola de Meangos, Abegondo, en que apenas exercerá por problemas burocráticos e administrativos coa toma de posesión da súa praza.

Por aquelas datas, xa levaba dous anos casada con Francisco Mazariegos, traballador do Banco Pastor da Coruña e activo militante da Federación da Banca da UXT, un activismo, por certo, que o levara a ser detido e condenado a varios anos de cadea pola súa participación no Comité Revolucionario cando os sucesos de 1934 (causa 187/34 do Arquivo Intermedio Militar Noroeste, Ferrol). A amnistía da Fronte Popular, en 1936, deixouno en liberdade e, con ela, voltaría á súa participación sindical. Tristemente, a seguinte detención saldaríase con máis tráxico desenlace, como xa veremos.

Mercedes Romero co alumnadoMercedes e Francisco casaran en 1931 e tiveran dous fillos: María Luisa e Enrique. Sendo eles moi pequenos, a familia vaise instalar en Monelos, nos Muíños, na vivenda da escola de nenas, onde Mercedes foi destinada como Mestra Nacional. Na vivenda da escola, igual que no gabinete de Francisco do Banco Pastor, practicaranse rexistros e incautaranse de fotografías e documentos a raíz do procesamento por auxilio á rebelión. Na vivenda da escola, ficará Mercedes soa cos fillos en canto Francisco está fóra, declarado en rebeldía, primeiro, e, despois, en prisión preventiva desde xaneiro de 1935. E alí recibiría tamén a carta oficial pola cal seu home foi despedido do Banco Pastor ao non se reincorporar logo das vacacións, presupondo nela que tiña relación coa causa que se lle abrira. Deste xeito, Mercedes será o único sustento da súa familia, xa que en finais do mes de xuño do 35, como un terríbel agasallo de aniversario, recibirá a sentenza a que fora condenado seu home: 6 anos e un día.

Mais Mercedes non se detiña. Co home preso e doente (padecía farinxite crónica) na cadea da Coruña e dous nenos pequenos, actuará como apoderada coa candidatura da Fronte Popular, que sairá gañadora nas eleccións de febreiro de 1936. Coa Fronte Popular, chegará a amnistía e o día 19 dese mesmo mes, apenas 3 días despois dos comicios, Francisco Mazariegos será posto en liberdade.

Mercedes RomeroPouco duraría a alegría do reencontro familiar: só 5 meses despois, terá lugar o golpe de estado. Francisco toma parte activa na defensa do Goberno Civil da Coruña. Isto, xunto co seu pasado sindical como presidente do sindicato de Banca da UXT e membro da Agrupación Socialista da Coruña, sería considerado motivo abondo para o fusilaren en Punta Herminia no 31 de agosto. Perante isto, Mercedes, membro do Sindicato de Mestres da Coruña (UXT), non o dubida e decide partir, xunto cos nenos, a América. Para iso, inicia as xestións para obter os pasaportes e documentos que lle permitan exiliarse, mais non o conseguiría. Os falanxistas cortáronlle o paso e detivérona na cidade, ao lado da casa da sogra na praza de Santo Domingo. A partir de aí, as fontes recollen diversas versións, a cada cal máis atroz. Unhas falan de que a violaron e de que lle cortaron os peitos antes de a tirotearen. Outra, só recollen que foi baleada no pozo da Ponte da Castellana no día 19 de novembro do ano 36. Contan que, xunto ao cadáver, apareceu un mantón negro, de loito, vermello polo sangue. A súa cuñada recolleuno e arrebolóullelo aos policías que responderon que non sabían nada da mestra.

Está soterrada en Vilarraso, na enorme foxa común en que inicialmente foi inscrita como “Descoñecida nº 21”. Meses despois do asasinato, corrixiríase a información contida nos rexistros. Mercedes, en bata negra con tres botóns de catro esquinas por diante e probablemente con dentadura postiza, é das once persoas identificadas nunha foxa que rolda a trintena de represaliados.

Poema de Claudio Rodríguez Fer dedicado a Mercedes Romero Abella para a exposición Vermellas.

A derradeira lección da mestra

foi alongarse da preposición propia

indo contracorrente cara a suma.

 

A derradeira lección da mestra

foi debuxar con xiz sobre o verbo

as ondas orixinais de Corcubión.

 

A derradeira lección da mestra

foi a primeira clase obreira

na súa escola laica de Monelos.

 

A derradeira lección da mestra

foi amar no prisma da Coruña

e concibir planetas e cadernos.

 

A derradeira lección da mestra

foi metrallada nas terras de Aranga

escritas no monte polo río Mandeo.

 

A derradeira lección da mestra

foi enterrada en Vilarraso

como toda a inocencia da lousa.

 

Ela daba leccións de humanidade.

E nunca esqueceremos consonantes

a derradeira lección da nosa mestra.

Texto de Rosalía Regueiro Méndez

 

Fullscreen Mode

 

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies