Mulleres sen Cancelas

 

Sempre houbo mulleres insignes en Galicia. En todos os tempos, en todos os campos, baixo todas as luces. […] Cada unha brilla con luz propia e deixa tras de si luminoso ronsel…

Mulleres sen CancelasSeguir camiños que outras abriron para nós mais tamén abrir camiños novos para por eles andar con paso firme é o que nos move o que nos fai cada día estar alí onde hai que estar, sen escusas, con outras compañeiras buscando novas vías.

O traballo da nosa Asociación Cultural é un traballo contra a desmemoria, para (re)coñecer a aquelas que os veos do esquecemento cubriron de xeito inxusto.

E para este sábado día 9 quixemos desde ACAB darlles voz e amosar doce historias feitas de retrincos e de mesturas… e facémolo coa forza poderosa da sororidade e solidariedade entre mulleres, por iso escollemos nove mulleres singulares do presente para lembrar as pegadas do pasado. E así pensamos este roteiro para homenaxear a unha ducia de mulleres singulares nos lugares que elas habitaron.

Sairemos ás 12 h da mañá do Obelisco con este percorrido:

  1. Obelisco. Mari Luz Morales
  2. Real, 56. Casa de Juana de Vega + Concepción Arenal
  3. Real, 36. Casa de María Miramontes
  4. Real 45. Antiga Librería de Arte. Syra Alonso
  5. Rego de auga, 37. Teatro Rosalía Castro. María Casares e Rosalía de Castro
  6. Rego de auga, 38. Casa onde se fundaron as Irmandades da Fala: Micaela Chao
  7. Rego de auga, 32. Asociación de Artistas: Mulleres artistas.
  8. Rego de auga, 25. Casa natal de Emilia Pardo Bazán.
  9. María Pita, 17. Sede das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista: Amparo López Jeán

En cada un dos lugares unha muller sobranceira axudaranos a lembrar ás homenaxeadas e para isto contamos con: Margarita Ledo, Carme Adán, Melania Freire, Carme Vidal, Najla Shami, Mabel Rivera, Susana Seivane, Soledad Penalta, Luz Pozo Garza e as Pandeireteiras das Encrobas.

Roteiro Mulleres sen cancelas

As mulleres homenaxeadas

María Luz Morales, a primeira directora dun xornal.

Mari Luz MoralesEn setembro de 1980 morría María Luz Morales Godoy, xornalista, editora e crítica cinematográfica. Con 26 anos incorporouse a La Vanguardia, na sección de cinematografía. En Barcelona será a representante da Asociación de Escritores Galegos e participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza. Logo do golpe militar, o xornal La Vanguardia pasa a estar controlado por un comité obreiro que a nomea directora. Co triunfo do franquismo é acusada de pertenza ao Partido Galeguista, é encarcerada nun convento barcelonés e inhabilitada para exercer a profesión. Logo da morte de Franco foi rehabilitada como periodista e continuou a súa actividade, xa como redactora, no Diario de Barcelona.

Mari Luz Morales, escribiu “Sempre houbo mulleres insignes en Galicia. En todos os tempos, en todos os campos, baixo todas as luces. […] Cada unha brilla con luz propia e deixa tras de si luminoso ronsel…. Tentemos seguir a pegada dalgunhas.”

Juana de Vega e Concepción Arenal.

Juana de VegaEn marzo de 1805 nace na Coruña Juana María de la Vega Martínez y Losada, coñecida como Juana de Vega. Nada no seo dunha familia liberal e ilustrada, seu pai foi dos principais organizadores e patrocinadores do pronunciamento de Porlier a favor da Constitución de 1812. Desde nena recibiu unha esmerada educación en letras e humanidades. A súa casa, un espazo de liberdade para a conspiración e a discusión políticas, convértese no punto de reunión da sociedade liberal coruñesa como dalgúns dos implicados no Levantamento de 1846. Realiza tamén un destacado labor asistencial como o coidado de nenos orfos e enfermos do Hospital da Caridade. E de destacar a estreita relación de amizade e colaboración con Concepción Arenal e a ela se une nas peticións de indulto para os condenados a morte. Outro das súas preocupacións foi a educación: fundou e financiou unha escola para nenos pobres e unha escola gratuíta para adultos. A súa última vontade foi a creación dunha escola teórico-práctica de agricultura.

“Abride escolas e pecharanse cárceres”

Concepción ArenalEn xaneiro de 1820 nace Concepción Arenal Ponte, escritora, xornalista, socióloga, pedagoga e ensaísta. Foi a primeira muller en asistir a unha universidade española. Foi nomeada “visitadora de prisións de mulleres” en 1863, posto que foi suprimido definitivamente dez anos despois. Na Coruña trabou unha grande amizade con Juana de Vega. Defensora dos dereitos das persoas presas e das mulleres. Reivindicou sempre a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

María Miramontes, unha vida tecendo a Patria.

María MiramontesEn abril do ano 1895 nace en Guísamo María de los Dolores Miramontes Matos. Aos once anos empeza a traballar nun obradoiro de costura e sendo moi nova comeza a frecuentar os núcleos galeguistas da Coruña na compañía de Elvira Bao, as irmáns Chao Manciñeira, Amparo López Jean e entra a formar parte das Irmandades da Fala e da súa Xunta Directiva. Moi probabelmente é nestes ambientes republicanos, progresistas e galeguistas, onde coñece o seu home Ánxel Casal. Serán os ingresos do seu comercio de venta de teas e do seu traballo como modista os que dan amparo económico a iniciativas esenciais para a lingua e a cultura deste país,a editorial Lar, a editorial Nós e as escolas de ensiño galego…

“ María teceu con NÓS o traxe para vestir a Galiza”

Syra Alonso, cronista da represión franquista.

Syra AlonsoA escritora coruñesa Syra Alonso e o seu home, o pintor, Francisco de Miguel tiveron ao seu cargo a Libraría da Arte da coruñesa Rúa Real, lugar de cita dos intelectuais e políticos republicanos e galeguistas. O 3 de agosto de 1936 os golpistas deteñen a Francisco de Miguel, pintor recoñecido e colaborador das revistas Casa de América e Alfar, da que foi director artístico. A brutalidade e a saña que rodearon o caso de Francisco Miguel convérteno nun símbolo particular da Galiza Mártir. No ano 2000 soubemos dos Diarios de Syra Alonso (Colección Mulleres, A Nosa Terra) despois de máis de medio século de exilio e descubríanos un dos máis extraordinarios memoriais da represión desatada despois de 1936. Syra Alonso escribira a primeira parte dos seus diarios en Tordoia, datados en Compostela en 1938, e a segunda xa na localidade mexicana de Actopán, en 1945.

María Casares e Rosalía de Castro.

María CasaresMaría Casares, filla de Santiago Casares Quiroga, criouse entre a rúa Panadeiras da Coruña e o Pazo de Montrove. Co golpe de Estado, contando con só catorce anos, ten que exiliarse coa familia en Francia. Alí inicia a súa traxectoria no teatro e aparece o éxito. No ano 1942 debuta no Teatro Mathurins como primeira actriz. É nese momento cando coñece a Albert Camus co que mantería unha longa relación. Musa de destacados escritores e cineastas representará obras de Camus, Anouilh, Cocteau, Genet, Ibsen, Turgueniev, René Laporte, Pirandelo, Shakespeare… Viaxará por máis de vinte países co Théâtre Nacional Populaire. Nunha desta viaxes reencóntrase no exilio bonaerense con xente como Blanco Amor, Dieste, Seoane, Laxeiro e o actor Tacholas, e con eles actuará nun recital galego. A María Casares o acento galego acompañaríaa sempre, un acento que ela consideraba un tesouro, e deixaría dito: Galicia soy yo. Galicia no soy yo. Pero soy un trozo de Galicia.Y moriré siendo gallega. Pouco antes de morrer aos 66 anos, María Casares acepta dar o seu nome para os Premios de Teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galiza.

Rosalía de CastroRosalía de Castro, figura fundacional na nosa literatura e unha das voces literarias moi relevante nas letras europeas do século XIX. É Rosalía unha muller cunha extraordinaria formación cultural, lectora dos filósofos da época, entendía francés, ten formación artística e dramática, comparte tertulia cos homes en varias sociedades culturais e literarias…

Cantares gallegos é o primeiro libro publicado integramente en galego. Aquí queda plasmada a reclamación dos dereitos do pobo como colectividade, a súa dignificación e a denuncia das inxustizas que padece. Follas novas ocupa un lugar de privilexio na obra rosaliana e é unha das grandes obras da literatura galega de todos os tempos. Nela encontramos unha visión filosófica do mundo mais sen deixar de parte o compromiso co pobo, as clases traballadoras e a defensa da muller.

Micaela Chao Maciñeira, a única muller que asiste en maio de 1916 a 1ª xuntanza das IdaF.

Micaela ChaoNatural de Viveiro, Micaela Chao Maciñeira foi a única muller presente na xuntanza que deu orixe ás Irmandades da Fala e a primeira muller que fixo efectiva a súa afiliación. Formaría parte en 1917 da delegación das Irmandades a Cataluña e sería a principal impulsora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade da Fala da Coruña. Esta Sección constituiríase en agosto de 1918 e contaría con máis de 200 asociadas, sendo Micaela Chao inicialmente a súa Conselleira Primeira. Colaboradora das actividades do Conservatorio Nazonal do Arte Galego como actriz e tocaba o piano nos entreactos das sesións teatrais. Foi a compañeira de Antón Vilar Ponte.

Mulleres nas artes plásticas: Lolita Díaz Baliño María del Carmen Corredoyra, as primeiras mulleres na Real academia de Belas Artes.

Lolita Díaz BaliñoMaría CorredoyraEn xaneiro de 1905 nace na Coruña a pintora Mª Dolores Díaz Baliño. Dunha familia de artistas de fondas raíces galeguistas, Lolita Díaz Baliño foi unha gran debuxante e acuarelista. Bolseira pola Deputación, mereceu desde os seus inicios a admiración do pintor Soutomaior. Xunto a outra coruñesa, María del Carmen Corredoyra, foi unha das dúas primeiras académicas de Belas Artes e, durante moito tempo, as únicas mulleres da institución.

Emilia Pardo Bazán, católica, conservadora e defensora dos dereitos das mulleres.

Emilia Pardo BazánNada na Coruña en 1851, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria e narradora. Xogou un papel importante na creación da Real Academia Galega creando unha Comisión Xestora sobre a base da sociedade Folklore Gallego. Está considerada como unha das precursoras do movemento feminista. Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual que a dos homes. A súa filla doou a residencia familiar da Coruña para establecer alí a sede da institución Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Rita Amparo López Jeán, a primeira muller que se afilia ao Partido Galeguista na Coruña.

Amparo López JeanEn novembro de 1942 morre no exilio en Montauban (Francia) Rita Amparo López Jeán. López Jeán, mestra, foi secretaria e presidenta da Agrupación Republicana Feminina e membro do Partido Galeguista, formando parte da Executiva coruñesa en calidade de Vogal. Durante a guerra, co seu home o político republicano César Alvajar, vive en Barcelona e alí vai desenvolver unha importante actividade política no Partido Galeguista como membro do seu Comité executivo e Secretaria Xeral do Grupo Feminino Galeguista. Máis tarde o matrimonio residirá en Calvados (Francia). Até alí chegarán tamén dous dos seus fillos, María Teresa e Ana María. Coa ocupación nazi a familia trasládase a Vichy e logo a Montauban, onde morrerá López Jeán. En 2006 os seus restos foron traídos para o cemiterio civil da Coruña.

 

Presentámosche o libro que editamos para este roteiro, que podes visualizar ou descargar directamente.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies