Alexandre Bóveda, as múltiples leccións do mestre

A derradeira lección do mestreCastelao dedicáballe a estampa número seis do álbum Galiza Mártir (1937) a Alexandre Bóveda: A derradeira lección do mestre. A estampa recrearíaa máis tarde, en 1945, en óleo. O cadro, propiedade do Centro Galiza de Bos Aires, poderase ver no Gaiás no terceiro trimestre deste 2018.

O día catro de xuño cumpríanse cento quince anos do nacemento en Ourense de Alexandre Bóveda. As súas nunca serán “derradeiras” leccións porque segue e seguirá, aínda, vixente o seu exemplo e compromiso. Últimas, entón, que non derradeiras, as súas leccións que repasamos brevemente aquí.

A lección do Bóveda economista

Se importante é a figura de Bóveda no plano político, non o é menos na faceta de economista. Contaba neste campo cunha ampla formación, fundamentalmente mercantil e autodidacta. Defínese como “economista afeccionado”, pero na súa corta vida laboral desenvolveu dúas actividades salientables: a de funcionario da facenda pública -primeiro en Ourense como auxiliar e logo en Pontevedra como xefe de contabilidade-, e a de director e creador da primeira oficina da Caixa de Aforros de Pontevedra.

Como teórico da economía política, Bóveda defendía que o que verdadeiramente lle convén a Galiza é a autonomía total na orde económica e fiscal para conseguir tres vantaxes: 1) Un réxime libre que lle permita organizar o seu réxime contributivo e económico como máis lle conviñese segundo as súas características. 2) Non ter que vivir nun réxime de inxustiza económica e fiscal inxustos. 3) Poder incorporarse un día ás novas correntes da economía universal.

As achegas teóricas de Bóveda plásmanse na súa participación na redacción do Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos (1931), na confección do programa do Partido Galeguista (1931), no definitivo proxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza (1932) e nas súas periódicas colaboracións no xornal A Nosa Terra.

Bóveda criticou o sistema fiscal español por complicado e caro porque eran tres as entidades as que simultaneamente impoñían e recadaban os gravames: o Estado, as deputacións e os concellos. El propoñía unha administración única, dependente da Xunta de Galiza. Tamén falou da necesidade dun banco público galego como peza chave da organización fiscal e financeira de Galiza.

 A lección do Bóveda cristián galeguista

Bóveda manifestou publicamente a súa fe cristiá. É un símbolo vixente dun cristianismo comprometido co seu pobo, coa súa lingua e coa súa cultura. Un mártir galeguista-cristián que, contraditoriamente, foi vítima dunha España cristiá-católica e que contaba co apoio vergoñento da xerarquía da Igrexa, e que vía nos nacionalistas galegos, mesmo que fosen cristiáns, un perigo para a “sagrada” unidade da patria. Alexandre deixou escrito:

Eu morro tranquilo; confío en que serei ben recibido onde todos queremos xuntarnos e fágoo con ledicia e confiado en Deus”

Era un home bo, coa inocencia dos xustos, e que non considerou inútil o seu sacrificio, senón expresión de salvación para os demais, para a familia, para o seu pobo e mesmo para a causa galeguista.

A lección do Bóveda organizador do nacionalismo

Mitin de Alexandre BóvedaO labor de Alexandre Bóveda foi decisivo para que o nacionalismo galego adquirise unha eficaz natureza organizativa. A súa actuación foi encamiñada a fundar e desenvolver o primeiro partido político moderno e democrático do nacionalismo galego. Ocupase o cargo de secretario xeral ou de secretario de organización o seu papel foi fundamental na construción do Partido Galeguista (PG). Isto traerá consigo que o nacionalismo galego teña deputados en Madrid e Galiza un Estatuto de Autonomía.

A lección do Bóveda fiel a Galiza

Alexandre Bóveda nacía en Ourense o día 4 de xuño de 1903. O 20 de xullo de 1936 sería detido e conducido ao cárcere pontevedrés, para ser logo sometido a unha pantomima de xuízo sumarísimo que se celebrou o 14 de agosto. Sentenciado a morte, foi executado na madrugada do día 17 de agosto de 1936. Dirixíndose ao tribunal que o xulgaba e vendo como se lle impoñía como delito manter unha fidelidade férrea aos seus ideais redentores, afirmou:

A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concederan séculos para vivir. Adóroa alén da miña morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela.

Alexandre Bóveda non é o pasado: é o futuro. As súas múltiples leccións seguen hoxe vixentes como estímulo de fidelidade e compromiso con Galiza. En palabras de Manuel María “ruta irreversíbel de futuro”.

LEMBRANZA DE ALEXANDRE BÓVEDA

Ti eres lume vivo, acesa chama,

roita irreversíbel de futuro;

potente trebón que berra e crama,

¡home do pobo, asoballado e puro!

 

Eres a luz, o guieiro i a bandeira

chantada nos cumes de Galicia.

¡Eres a voz limpa e verdadeira!

¡Eres o pan, o viño i a ledicia!

 

Ouh Alexandre Bóveda, paixón núa,

furacán potente e desatado:

¡qué exempro foi a morte túa!

¡Qué cantidá de amor sacrificado!

 

Ouh Alexandre Bóveda, meu irmao,

pai desta patria triste, escura.

¡Invoco a Rosalía, a Castelao…!

¡Nomeo a vida túa, nobre e pura!

 

Ouh Alexandre Bóveda, semente,

Colleita fidel de lealdade:

¡si vive Galicia i a súa xente

 túa morte non pode ser verdade!

(Manuel María, Monforte de Lemos 1971)

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies