Nación, autodeterminación… O valor das palabras

Manifestación 25 xullo

As escritoras e escritores coñecen ben –porque traballan con elas– o poder e o valor das palabras. O poeta da Terra Chá, Manuel María, escribía unha “Canción da claridade das palabras”, no seu libro As lúcidas lúas de outono, de 1988:

A palabra nomea e crea ás cousas,

pon orde no mundo

e armoniza toda a creación.

O poeta de Valdeorras Florencio Delgado Gurriarán escribía un poema titulado “Nomes” no seu libro Galicia Infinda, de 1963:

Nomes da veira do Sil

de antergo e de nobre alamio:

Val de Afreixo, Val de Godo,

a Pena da Moura, o Castro,

Porto Mourisco, Baxeles,

Córgomo, Castelo, Arnado,

Outarelo, Millarouso,

Portela, Cesures, Arcos…

Nomes, nomes de Valdeorras,

¡doce e sonoroso canto!

Nomear é dar vida e iso é o que fai Florencio no seu poema: darlles vida, neste caso, aos lugares de Valdeorras.

Tan grande é o poder das palabras que o poeta de Celanova, Celso Emilio Ferreiro escribiu, en Longa noite de pedra, de 1962, un poema titulado “Carta á miña muller”:

Querida, non o esquezas, hai palabras

que é pecado decilas niste tempo.

Palabras que non debes pronuncialas,

nin xiquera pensalas, cavilalas,

tatexalas, gabalas, escribilas…

Moito menos berralas.

Esposa, toma nota e non esquezas:

non digas libertá palabra triste

con peligro de morte e calivera.

Manifestación

Vía galegaAs palabras non poden darnos medo se o que reflicten é unha mellora da nosa situación e da nosa terra. Iso é o que deberon pensar as máis de 40 entidades –na actualidade, case 60– de diferentes tipos que en 2018 se xuntaron para crear a plataforma social Vía Galega. A ausencia de soberanía e a falta de capacidade de decisión de Galiza están levando, segundo Vía Galega, a que a propia supervivencia de Galiza como país estea ameazada. E, para isto naceu esta plataforma: para facer campaña na sociedade galega e promover iniciativas de todo tipo para popularizar e crear conciencia arredor da realidade nacional galega e do dereito de Galiza a decidir libremente o seu estatus político.

Di o Manifesto de Vía Galega:

Galiza é unha nación e o pobo galego un suxeito político diferenciado titular de dereitos colectivos…O pobo galego ten dereito á autodeterminación, isto é, ten dereito a decidir libremente a súa propia forma de goberno, procurar o seu desenvolvemento económico, social e cultural.

Pero antes de Vía Galega, o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna do 16 ao 18 de setembro do 1933, xa definiu a Galiza como nación.

En Sempre en Galiza –en 1944– Castelao afirmaba:

Galiza é unha unidade nacional perfecta…polo tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos.

 Pregúntase Castelao se Galiza ten idioma propio, territorio diferente, economía peculiar e cultura autóctona. Se é así, Galicia é unha nacionalidade.

Sepultura Castelao

Non lles teñamos medo ás palabras. Vaiamos a quen as recollen: os dicionarios. No da RAG unha NACIÓN é unha:

Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa.

No Dicionario da RAE, unha nación é o:

Conjunto de personas de un mismo origen y que generalmente hablan un mismo idioma y tienen una tradición común.

Segundo todo o que acabamos de dicir, Galiza é unha nación, mesmo que non queira. Pero, queremos. Queremos decidir libremente o noso destino.

Se algo puxo de manifesto a pandemia que vivimos desde hai un ano, é a necesidade de que tomemos as nosas propias decisións en función de se a nós –galegas e galegos– nos benefician ou non. Ata Madrid quere tomar –e toma– as súas propias decisións!

Manifestación Eu love Galego

Galiza é un país rico, unha terra que posúe importantes recursos, pero convencérennos –ou quérennos convencer– de que Galiza por si soa non ten futuro. Temos enormes recursos, agrarios, gandeiros, pesqueiros, marisqueiros, forestais, enerxéticos e mineiros, unha lingua e unha cultura propias, pero espolian os nosos recursos, a nosa lingua e a nosa cultura porque queren que vivamos na dependencia colonial.

Galiza nación

De aí o valor e a importancia das palabras: NACIÓN, AUTODETERMINACIÓN, DEREITO A DECIDIR, POBO GALEGO…porque, como escribía Manuel María, a palabra crea as cousas, pon orde no mundo e harmoniza toda a creación.

Galiza Nación

Participa na manifestación nacional “Galiza nación, un pobo con dereitos” domingo 18 de abril ás 11:30 h en Compostela.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies