O drama da escena galega

Os vellos non deben namorarseNo ano 2008, dependendo da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, comeza a súa andaina A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O seu obxectivo é o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego. Para isto, entre os seus eixos de actuación, están as convocatorias anuais de subvencións ás industrias culturais e ao audiovisual.

Formando parte da estrutura da AGADIC, como unidades de produción e distribución de espectáculos, están o Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Coreográfico Galego (CCG).

O Centro Dramático Galego (CDG) comezara o súa traxectoria no ano 1984 co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega.

Pola súa parte, o Centro Coreográfico Galego (CCG) é un centro de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza en Galicia.

Atrás quedaban as Irmandades da Fala (1916) co seu obxectivo de sentar as bases dun teatro nacional galego e a creación en 1919 do Conservatorio Nazonal de Arte Galega. Tamén o teatro de Nós –recordemos Os vellos non deben de namorarse de Castelao– e o das Vangardas –lembremos A fiestra valdeira de Dieste. O teatro do Exilio: de Blanco Amor ou Varela Buxán. Atrás quedou, igualmente, o teatro de Álvaro Cunqueiro, Carvalho Calero e Manuel María. Continúan dando pulo ao noso teatro as Mostras de Ribadavia (1973). Desta xeración saíron nomes senlleiros da nosa dramaturxia actual. É o caso de Roberto Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal e Manuel Lourenzo.

Ao longo dos séculos –desde o Entremés famoso sobre da pesca no río Miño (1671), de Gabriel Feixoo de Araúxo ou A Casamenteira (1812), de Antonio Benito Fandiño–, o teatro galego loitou por sobrevivir no texto e nos escenarios. Pero, debido ao carácter complexo do xénero –non esquezamos que o feito teatral acaba coa representación do texto no escenario–, o teatro nunca o tivo fácil. Por iso, cando xa na segunda metade do século XX –1984– se crea o Centro Dramático Galego (CDG) dependente da Xunta de Galiza co obxectivo de normalizar a actividade teatral, se levantasen moitas expectativas. O teatro deixaría ser cousa de amadores e abríase o camiño da profesionalización. Pero, o camiño para esta institución oficial –dependente da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza– tampouco resultou e resulta un camiño de rosas.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) –asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica– quéixase do anuncio da Consellería de Cultura dun novo estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) sen contar para a súa elaboración co asociacionismo profesional do sector.

Máscaras de Os Vellos non deben namorarsePor outro, a AAAG mostra a súa preocupación ante as cifras económicas que manexarían o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Galego dos Artes da Imaxe (CGAI) no ano 2020. Segundo o proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo ano que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento, o investimento real da Consellería de Cultura e Turismo no CDG pasaría dos 600.000 euros deste ano aos 350.000 euros en 2020. No caso do CCG, a cifra reduciríase de 150.000 a tan só 50.000 euros. Finalmente, o CGAI ficaría con dúas partidas de 120.000 euros e 12.000 fronte aos 150.000 e 15.000 do presente curso:

A AAAG esixe  que se manteñan os orzamentos do CDG e do CCG, dúas institucións maltratadas e desmanteladas na última década pola Xunta de Galicia.

Estaríamos, pois, de levarse a cabo os orzamentos anteriores, ante uns recortes que producirían un profundo baleirado dos centros de produción o que implicarían o seu desmantelamento real. Lonxe quedan os 66 millóns que anunciaba no 2007 a daquela conselleira, Ánxela Bugallo, para Plan Galego das Artes Escénicas:

O Plan Galego das Artes Escénicas contará con 66 millóns de euros nos próximos catro anos.

Son lóxicas, pois, as preocupacións do sector polo futuro que as autoridades da Xunta de Galiza parece que teñen preparado para a escena galega. Segundo os entendidos, os orzamentos da Xunta de Galiza son unha “maquinaria de destrución masiva”:

Agonía do Centro Dramático Galego (Camilo Franco).

Non son bos tempos para a escena galega. Lóxica, polo tanto, a preocupación do sector. Agardamos un rápido cambio de rumbo por parte das autoridades culturais para que esta “desfeita anual” deixe de ter lugar.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies