O que arde no cinema galego

Desde que ao italiano Pietro Barbagelatta se lle ocorrera instalarse cun cinematógrafo na cidade, Ilustrísima non tiña acougo.”

(Carlos Casares. Ilustrísima.1980)

O que ardeIlustrísima, o bispo don Fernando Fanego, non tiña acougo porque a Curia episcopal –fanática e intolerante– non quería que o cinematógrafo se instalase na cidade. Ilustrísima, que Carlos Casares sitúa na súa novela como bispo dunha cidade interior de Galiza a comezos do século XX, era máis tolerante e comprensivo. De aí o seu desacougo. A crítica ve a novela de Carlos Casares como unha homenaxe ao cinema. O cinematógrafo representaría a liberdade e o coñecemento.

De igual maneira, o libro Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer é unha explícita homenaxe ao cinema. No Limiar di:

Os poemas deste libro, xurdidos espontaneamente, da miña vella e constante afección ao cine, foron escritos de modo  a partir dos primeiros anos setenta… Cinepoemas é unha selección de versos de tema cinematográfico, pero non unha antoloxía de películas, de directores ou de actores… Finalmente, quero engadir que non só as presencias son significativas, senón as ausencias. Refírome, en concreto, á ausencia do cine galego neste poemario. As nefastas circunstancias que impediron e impiden un normal desenvolvemento da industria cinematográfica en Galicia e o sempre incontrolábel azar creativo son as principais causas de que este tipo de cine, aínda nacente, non estea presente nos meus poemas, como tampouco puido estalo o cineasta galego Carlos Velo.

As palabras de Claudio Rodríguez Fer son, como dixemos, do Limiar de Cinepoemas, de 1983. Un dos poemas está dedicado á película The Informer (O delator), de Jonh Ford, do ano 1935. Trata o tema da traizón no marco da represión que sucedeu ao levantamento de Irlanda contra o Imperio Británico, tras o triunfo electoral do Sinn Fein en 1918. O poema di así:

Dublín 1922

tempo triste para os fillos dos fianas

a rebelión dos sinn feiners

trunfa pero fracasa

o Imperio Británico reprime e asolaga

co sangue dos guerreiros

a vida que aguardaban

e as firmas da Vitoria

os osedos

dos patriotas de Irlanda.

 

Sinn Fein Sinn Fein

nós sós

sangue verde de Irlanda

sangue dos esteiros e das rochas

agromará na froita

da vindeira República

ceibe e nacional como a pesca e a caza.

Como viamos, queixábase con razón –en 1983– Claudio Rodríguez Fer da situación do cine galego. Con todo, na Galiza temos a honra de que unha das primeiras cintas, hoxe desaparecida, das que se teñen noticia do cine español fose rodada na Coruña. Trátase da película titulada Enterro do xeneral Sánchez Bregua, rodada o 20 de xuño de 1897 polo fotógrafo José Sellier cando o cortexo fúnebre pasaba pola Rúa Real.

Se ben a situación probablemente teña que seguir mellorando, moito cambiou o panorama do cinema galego nas últimas décadas. A crítica acostuma a sinalar o ano 1989 como un momento clave no audiovisual galego. Ese ano estréanse tres longametraxes: Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro; Urxa, de Carlos Aurelio López Piñeiro e Alfredo García Pinal; Continental, de Xavier Villaverde. Nestes días, a prensa falaba dos dez filmes galegos máis vistos da historia. Unha selección que atendía a películas rodadas en versión orixinal galega. Eran as seguintes:

  • Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989): 62.203 espectadores.
  • O que arde (Oliver Laxe, 2019): máis de 50.000 espectadores en tres semanas.
  • A esmorga (Ignacio Vilar, 2014): 47.000 espectadores.
  • Vilamor (Ignacio Vilar, 2012): 42.500 espectadores.
  • Días de voda (Juan Pinzás, 2002): 38.500 espectadores.
  • Pradolongo (Ignacio Vilar, 2008): 33.463 espectadores.
  • Engurras (Paco Roca, 2011): 30.411 espectadores.
  • Era outra vez (Juan Pinzás, 1999): 27.007 espectadores: arredor de 20.000 espectadores.
  • Urxa (Carlos Aurelio Piñeiro e Alfredo García Pinal, 1989).
  • Sicixia (Ignacio Vilar, 2016): máis de 12.000 espectadores.
    (Un percorrido polos filmes galegos máis vistos. Sermos Galiza)

Pois ben, a clasificación está sufrindo cambios porque o currículo de méritos da película O que arde de Óliver Laxe estase amplicando cada día que pasa. Na súa sexta semana de exhibición converteuse na falada en galego máis vista nas salas comerciais en toda a historia, superando os 62.203 espectadores de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. Como diciamos, na sexta semana, o filme de Óliver Laxe levaba 62.500 espectadores, segundo os datos do ICAA (Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais). Ademais, a película sitúase xa entre as 25 producións do Estado máis vistas no que levamos de 2019. (“O que arde” convértese no filme en galego máis visto en salas, superando a “Sempre Xonxa”. Praza, 18 novembro 2019).

O Carrabouxo: merece unha queimadaO filme de Óliver Laxe non só está tendo un éxito de público e crítica senón que cada día segue aumentando o número de premios e recoñecementos: aos de Cannes, San Sebastián, Ourense, Chicago e Tesalónica, hai que engadir agora os premios no Festival Internacional de Cinema Mar do Prata.

Moito cambiou o panorama no mundo do cinema desde que Carlos Casares escribiu Ilustrísima e Claudio Rodríguez Fer Cinepoemas. Moito é o que está ardendo no mundo audiovisual galego. Oxalá siga o lume, porque este é dos bos, do que constrúe país, do que constrúe cultura. Como di O Carrabouxo: “merece unha queimada.”

 

O que arde: A crítica

 

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies