Olimpia Valencia, a médica que fixo de Rosalía

Manifesto mulleresDe Olimpia Valencia é sabido que foi a primeira galega licenciada en medicina con 19 matrículas de honra; tamén a primeira en se doutorar. E a primeira xinecóloga, porque non a deixaron ser neumóloga coa desculpa de que non estaba ben unha muller andar a auscultar o peito dun home.

Posibelmente a primeira vez que aparece o nome de Olimpia Valencia nun xornal sexa no Diario de Pontevedra. É o 2 de outubro de 1919 e sob o titular, en castelán, Os homes de mañá o xornal dá conta conta de quen recebera matrícula de honra no Instituto de Pontevedra. Había varias mulleres mais o titular insistía: Los hombres del mañana. Un mes despois, fotografada ao lado de Delfina Mediero, ambas son cualificadas como “bellas y estudiosas señoritas”. Mediero, defensora dos dereitos da muller desde unha perspectiva católica, fixo filosofía e letras.

O 29 de abril de 1922 El Compostelano anuncia unha grande velada teatral. A estrea da farsa dramática en tres actos, orixinal de Armando Cotarelo Valledor, titulada Trebón. Fai o papel de Rosalía na grande velada do martes 2 de maio de 1922 no Teatro Principal de Santiago na honra dos necesitados rusos, que así proclamaba a prensa. Fermín Bouza Brey faría o papel de D. Andrés e Camilo Díaz pintou os decorados. Na estea pronunciou un discurso S. Cabeza de León.

En marzo de 1928 Olimpia Valencia abre clínica en Vigo e en marzo de 1936, perante a homenaxe a Vilar Ponte que se proxecta, propón a Álvaro das Casas que a homenaxe se amplíe permitindo a participación a todos os que, sen pertencer á gran familia de escritores e xornalistas “hemos erigido un templo en nuestro pecho a todos los defensores y amantes de nuestra tierra”.

Tamén se xunta á homenaxe Xoán Xesús González que fora compañeiro de reparto, no papel de Tralo, na representación de Trebón e que meses máis tarde, en 12 de setembro de 1936, foi fusilado en Boisaca polos golpistas acusado de defender a legalidade republicana.

En novembro de 1954 o alcalde de Vigo Sr. Perez Lorente entrégalle diploma de membro fundadora da Academia médico cirúrxica de Vigo, e o recoñecemento de ser a primeira muller en exercer a medicina en Galiza.

En 1931 encabezou un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas de Pontevedra e 1936 encabeza un manifesto de mulleres pedindo o voto a favor do Estatuto:

Mulleres de Galicia!

Polo esprito e pola materia. Pola limpeza política e pola prosperidade pública. Polo traballo e pola reivindicación social. Pola República. Por Galicia. Mulleres da nosa Terra! Irmáns de Galicia
VOTADE O ESTATUTO DA NOSA AUTONOMÍA.

Dr. Olimpia Valencia .. (seguen outras 13 mulleres) El pueblo, 20/06/1936

En febreiro de 1937 foi detida acusada de pertencer ao Partido Galeguista. Mais nun rexime corrupto todo se merca. Unha “doazón” conseguiu que saíse en liberdade para continuar a traballar na súa consulta da rúa do Príncipe, iso si, coa etiqueta de “roja”.

Morreu no verán de 1987. Unha rúa de Vigo leva o seu nome.

Xoán Costa. Presidente da AS-PG.

Se queres ler o o manifesto completo das mulleres universitarias en apoio á candidatura galeguista de Pontevedra, publicado en El Pueblo Gallego de 27 de xuño de 1931, podes descargalo desde aquí.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies